A Xunta informa aos concellos coruñeses dos programas de axudas e fomento da rehabilitación de vivendas
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentou esta mañá aos alcaldes da provincia os diferentes programas de axuda e fomento da rehabilitación da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, que suman un investimento de 40 millóns de euros nos Orzamentos de 2017, máis do dobre do consignado no exercicio anterior. A estratexia de rehabilitación refórzase coas axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria dirixidas á eficiencia enerxética e que subvencionan a renovación de fiestras, ascensores ou cubertas, entre outras, e beneficiará a máis de 6.300 familias galegas.
Ovidio Rodeiro explicou que a “Xunta aposta pola rehabilitación porque entende que esta é unha solución eficiente, sustentable e de futuro á hora de dar resposta ás necesidades de vivenda da poboación”. Ao tempo, “ten unha repercusión directa nas condicións de vida dos cidadáns, outorgando valor engadido ás nosas vilas e cidades e, funcionando, ademais, como un importante factor dinamizador da actividade económica e do emprego”, sinalou o delegado territorial. Deste xeito, cada millón de euros de axudas públicas en materia de rehabilitación pode xerar un investimento inducido de 3 millóns de euros e a creación de 200 postos de traballo, cun retorno en tributos e impostos de 1,6 millóns.
Os 16 programas de fomento da rehabilitación creados pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda e reforzados coas axudas da Consellería de Economía, supoñen un paquete cuantioso en canto a liñas de actuación e recursos que fai posible chegar a todos os destinatarios, xa sexan particulares, administracións públicas ou actuacións executadas directamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). Esa diversidade de programas permite, ademais, subvencionar todo tipo de intervencións en materia de rehabilitación, xa sexa: unha reforma exterior (mellora de cubertas, fachadas, fiestras), unha reforma interior (baños, cociñas, mellora das instalacións eléctricas…), unha obra para mellorar a accesibilidade (instalación de ascensores…), recuperación de contornos urbanos e espazos públicos e restauración ou a restauración de edificios degradados ou en ruínas.
Os distintos programas, detallados onte polos técnicos da consellería, combinan axudas que veñen de atrás, como as axudas á rehabilitación nas Áreas de Rehabilitación Integral, que contan con 8 millóns de euros, ou as axudas ás Vivenda do Camiño, con 2,9 millóns de euros, con outras axudas novidosas.
Entre esas medidas pioneiras están a subvención de ata o 100% dos xuros dos préstamos que soliciten os particulares para a reforma de vivendas, ou o fondo de cooperación cos concellos, dotado con 10 millóns de euros, que permite que os municipios de menos de 50.000 habitantes accedan a préstamos sen xuros para recuperar edificacións dos seus núcleos históricos ou realizar outras intervencións en materia de rehabilitación.
A última publicada polo DOG a semana pasada é a convocatoria de axudas para a recuperación das antigas vivendas de mestres e outros oficios. Estas subvencións prevén que a Xunta financie ata nun 90% do custo de rehabilitación de antigas vivendas de mestres, así como outras vivendas de titularidade municipal co obxectivo de que se destinen a alugueiro social para a axudar a familias con poucos recursos.
Nas próximas semanas se convocará a orde de axudas que queda pendente, destinada a subvencionar a nova instalación de ascensores. Trátase de axudas autonómicas específicas para a mellora da accesibilidade dos edificios residenciais colectivos ou vivendas unifamiliares para a instalación de ascensores ou dispositivos para salvar escaleiras, que poderán cubrir o 60% da actuación. O importe máximo das axudas será de 40.000 euros nos caso de vivendas unifamiliares ou edificios de ata catro vivendas, e de 30.000 no caso de edificios con máis vivendas.











