A Xunta financiará 17 obradoiros de emprego no que participarán 39 concellos da provincia de Lugo
A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará a posta en marcha de 17 obradoiros de emprego en 39 concellos da provincia de Lugo, segundo deu a coñecer esta mañá en rolda de prensa o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro.
O Goberno galego vén de resolver a convocatoria do presente ano pola que se permitirá a contratación de preto de 400 persoas desempregadas entre alumnado, persoal administrativo, monitores e persoal de dirección. Ao desenvolvemento destas iniciativas destinaranse algo máis de 4 millóns de euros, un investimento que supera o do ano anterior
Jose Manuel Balseiro explicou que os obradoiros de emprego presentan nesta ocasión varias novidades, entre as que destaca a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses.
Os beneficiarios deste programa, que a Xunta leva a cabo en coordinación cos concellos lucenses, recibirán formación e un contrato de traballo, ademais dun certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio español.
Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social e nacen coa finalidade de posibilite un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a cualificación profesional dos beneficiarios e favoreza a súa posterior inserción laboral
Balseiro explicou tamén que unha vez resolta a convocatoria, agora procederase á selección dos alumnos e alumnas a través das oficinas de emprego. Estímase que os obradoiros comecen a finais do mes de setembro.
Ao longo deste proceso de selección terán preferencia, en xeral, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
En resume –destacou Balseiro- as persoas desempregadas que participen nestes obradoiros adquirirán novos coñecementos teóricos e prácticos na especialidade profesional da que se trate e mellorarán o seu currículo ao realizar un traballo que, ademais, será remunerado”.
Primouse tamén os proxectos vinculados coa Industria 4.0 e cos sectores estratéxicos e de alto potencial da Axenda Galicia-Industria 4.0, así como aqueles que presentaban unha relación co tecido empresarial do territorio. Deuse, ademais, prioridade ás localidades menos poboadas de Galicia para responder así a unha das medidas principais do Plan de formación e emprendemento no rural da Xunta.
Relación de beneficiarios
Os proxectos seleccionados nesta última convocatoria foron os presentadas polos concellos de Outeiro de Rei compartido con Castro de Rei e Cospeito; o promovido polo concello de Ourol e compartido con Muras e O Vicedo; tamén o de Xove compartido con Burela e Cervo; outros dos beneficiarios serán os concellos de Vilalba compartido con Abadín; o do Corgo compartido con Guntín e O Páramo; o de Castroverde compartido coa Pastoriza, Pol, Ribeira de Piquín e Riotorto, o de Rábade compartido con Begonte e Friol; o de Carballedo compartido con Chantada; o de Barreiros compartido con Lourenzá e Trabada; o de Quiroga compartido con Folgoso do Courel e Ribas do Sil: e finalmente os promovidos polo Concello de Lugo e a Deputación provincial, respectivamente, este último, que se encargará da rehabilitación do mirador de Mondoñedo
Menores de 30 anos
Catro dos 17 obradoiros que se desenvolverán na provincia, están especialmente dirixidos a menores de 30 anos e englóbanse dentro da iniciativa do sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
En concreto, presentan esta característica de especial apoio aos máis novos o obradoiro promovido polo Concello de Pantón, compartido co Saviñao e Sober, o que impulsará o Concello de Lugo, e os municipios de Ribadeo e Monforte.











