publicidade hoxe

A Xunta dotará dun sistema de saneamento e depuración de augas residuais ao lugar de Castro, en Tordoia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTordoia
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co alcalde de Tordoia

Beatriz Mato na reunión co alcalde de Tordoia

A Xunta de Galicia dotará dun sistema de saneamento e depuración de augas residuais ao lugar de Castro, no concello de Tordoia. Trátase dunha actuación que acometerá Augas de Galicia tras a sinatura dun convenio de colaboración que referendaron a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o rexedor local, Antonio Pereiro.

Segundo indicou a responsable do departamento autonómico, as obras poderán iniciarse a finais deste mesmo verán e contarán cun orzamento total de 60.500 euros. Grazas a este acordo, esta aldea situada na parroquia de Bardaos disporá por primeira vez dunha rede de saneamento e tratamento coa que se pretende garantir o bo estado ecolóxico das augas e dos ecosistemas asociados.

Así, este convenio, engadiu a conselleira de Medio Ambiente, é unha mostra máis da vontade de cooperación da Administración autonómica cos concellos galegos, neste caso, para incorporar ao patrimonio municipal as obras consistentes na rede de saneamento de Castro, cuxa posta en funcionamento, mantemento e explotación correrá a cargo da Administración local unha vez rematados os traballos.

Deste xeito, séntanse as bases para a correcta coordinación das diferentes actuacións necesarias para a dotación deste nova infraestrutura, que levará a cabo Augas de Galicia en colaboración co concello de Tordoia, a entidade realmente competente en materia da xestión municipal da auga.

Polo tanto, tal e como indica o convenio de colaboración que ambas partes asinaron esta mañá, Augas de Galicia comprométese á contratación, ao financiamento e á execución dos traballos, así como a realizar as modificacións e rectificacións que no desenvolvemento do proxecto poidan xurdir ata a completa finalización das obras. Nese momento, Augas de Galicia entregará a nova infraestrutura ao concello, que se encargará do funcionamento, o mantemento e a conservación.

Do mesmo xeito, será a entidade local que dispoña os terreos necesarios para a execución da obra, así como a asunción das xestións pertinentes para a obtención dos permisos, licencias e autorizacións.

Igualmente, Augas de Galicia conservará as súas competencias relativas á inspección facultativa da rede e poderá, se fose necesario, solicitar ao concello a execución dos traballos necesarios para a boa utilización das novas infraestruturas.

12 de xullo de 2017 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.