publicidade hoxe

A Xunta dinamiza o tramo Miñoto-Ribeiro do Camiño de Santiago cun dos campos de traballo da Campaña de Verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixón
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e a de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, visitaron esta mañá aos voluntarios e voluntarias que participan no campo de traballo de mantemento do Camiño de Santiago no tramo Miñoto-Ribeiro ao seu paso polo concello de Boqueixón.

Os 17 mozos e mozas que participan neste campo de traballo farán tarefas de dinamización neste treito do Camiño de Santiago, elaborarán carteis de madeira para ter unha mellor sinalización ademais de facer tarefas de difusión coa realización dun mapa-folleto informativo en varios idiomas para os peregrinos. Porán en valor os recursos patrimoniais da zona a través dun vídeo promocional en galego, castelán e inglés.

Cecilia Vázquez agradeceu o traballo dos participantes neste campo de traballo e lembrou que o obxectivo destas iniciativas é “promover entre a sociedade a importancia de conservar, de coidar e de por en valor o noso patrimonio natural”. Apuntaba tamén que grazas a estes campos de traballo promovidos pola Xunta de Galicia a mocidade galega síntese partícipe da mellora medioambiental e da conservación dos bens galegos, sendo estes unha ferramenta excepcional de educación non formal.

Cómpre destacar que nesta campaña poderán tomar parte 9572 persoas, 526 máis que en 2016. As actividades que conforman a oferta estival da Xunta están dirixidas a mozos e mozas de entre 9 e 30 anos, e están divididas para os distintos grupos de idade.

O departamento autonómico inviste 2,9 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 1000 persoas entre monitores e directores de tempo libre.

27 de xullo de 2017 | 14:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.