A Xunta destina máis de 7,6 millóns de euros ás accións formativas para desempregados na provincia de Ourense
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, destinará este ano para a provincia de Ourense máis de 7,6 millóns de euros a accións formativas para desempregados (AFD) que se impartirán en empresas, concellos ou entidades sen ánimo de lucro e que teñen como obxectivo a inserción e reinserción laboral das traballadoras e traballadores desempregados. Este ano resérvase unha parte da programación para a formación en competencias clave (lingua galega, lingua castelá, matemáticas e lingua inglesa) que é a dirixida a aquelas persoas sen estudos básicos. Desta forma, ao redor do 15% da oferta global dos cursos irá dirixida a este colectivo,
En total, na provincia de Ourense este ano ofertaranse 47 cursos de competencias claves e 156 cursos que levan aparellados certificados de profesionalidade que sumarán 91.124 horas de formación e das que se beneficiarán 3.045 persoas desempregadas. Nestas accións formativas o departamento que dirixe Francisco Conde investirá 7.670.509 euros.
No concello da capital impartiranse 90 cursos e 31 competencias clave nos que participarán 1.815 alumnos.
A formación abrangue especialidades das familias formativas de administración e xestión, actividades físicas e deportivas, informática e comunicacións, imaxe persoal, edificación e obra civil, destacando especialidades orientadas á industria 4.0 como as de programación de sistemas informáticos, mecadoctenia e compravenda internacional ou creación e xestión de microempresas.
Esta iniciativa, que se enmarca na Axenda 20 para o Emprego, porase en marcha a partir de setembro con importantes novidades co obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles, polo tanto, o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. É unha formación homologada con certificados de profesionalidade con validez en toda España.
O Goberno galego amplía a oferta dos cursos ao longo de todo o ano xa que a convocatoria de axudas é por primeira vez plurianual (2017-2018), o que posibilitará que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, unha maior empregabilidade dos alumnos.
As accións formativas que se inclúen nesta programación diríxense con carácter preferente a persoas desempregadas que sexan mulleres -especialmente vítimas da violencia de xénero-, parados de longa duración, menores de 30, persoas con discapacidade, que teñan subscrito e vixente un itinerario personalizado de inserción, en risco de exclusión social, persoas con baixa cualificación e aquelas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen acreditacións parciais.
Na actualidade estes cursos contan en xeral cunha media de inserción laboral do 56% e un 64% dos participantes soen atopar un traballo nos primeiros 6 meses de rematar o curso. En ocasións, ademais, teñen a posibilidade de realizar prácticas non laborais en empresas, galegas, o que lles permite adquirir novas habilidades e mellorar o seu perfil profesional.
A formación para persoas desempregadas encádrase na Axenda 20 coa que o Goberno galego prevé, entre outros retos, o impulso de, polo menos, 80.000 novos postos de traballo ata 2020. Pretende tamén incrementar un 25% as prazas e as cualificacións profesionais. Tamén forma parte da Axenda Galicia-Industria 4.0, que contempla que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria, nomeadamente ás 29 especialidades formativas que se identifican no acordo por pertencer a familias profesionais vinculadas coa Industria 4.0.











