A Xunta destina 21.600 euros a obras de mellora na cociña e no valado do CEIP de Meira
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina 21.600 euros á execución de obras de mellora na cociña e no valado do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Meira.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos están en execución e incidirán nunha maior comodidade e seguridade para a comunidade educativa.
En concreto, no colexio procédese a arranxar o chan da cociña, coa execución da soleira, do saneamento e a colocación de novo pavimento vinílico. Igualmente, constrúese un novo valado da parcela na parte posterior.
O delegado territorial afirmou que a consellería “revisa constantemente as necesidades dos centros e aténdeas segundo as prioridades, porque a aposta por unha educación pública de calidade reflíctese tamén nunhas instalacións modernas e confortables”.
Balseiro explicou que a Consellería de Cultura e Educación realiza durante o verán obras de mellora en centros educativos de primaria e secundaria de toda a provincia. “Temos neste momento máis de medio centenar de proxectos en marcha, coa intención de rematalos todos antes de que comece o vindeiro curso para así evitar os trastornos que as reparacións ou reformas poden ocasionar sobre a actividade lectiva”, asegurou.