publicidade hoxe

A Xunta colabora no mantemento da Rota do Añón coa realización dun campo de traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOutes
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou esta tarde o campo de traballo Horta do Muíño, onde 14 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos están a facer tarefas de limpeza de vexetación que acondicionarán a Rota do Añón. Por outra banda, proporanse actividades nos invernadoiros e xardíns municipais xunto coas persoas maiores xubiladas da zona e coa mocidade para unir as diferentes xeracións.

Cecilia Vázquez destacou que este campo de traballo, de ámbito internacional, fai un labor medioambiental e de inclusión social moi importante na sociedade galega. “Desde a Xunta de Galicia apoiamos o coidado da nosa xeografía, e apostamos por educar na colaboración entre os maiores e os máis pequenos”, apuntou a titular autonómica.

Os resultados destes traballos poderanse ver a partir do 28 de xullo, data na que remata este campo de traballo. Por outra banda, ao abeiro desta iniciativa, faranse outras actividades complementarias que van desde o tiro con arco, actividades náuticas e facer deporte e xogos tradicionais, ata excursións a Santiago de Compostela.

Só na provincia da Coruña hai un total de 2808 prazas convocadas este ano para campos de traballo que engloban a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos e campamentos para rapaces e rapazas de entre 9 e 17 anos. Estas actividades forman parte da Campaña de verán da Xunta de Galicia O teu verán colle nunha mochila, no que se investiron 2,9 millóns de euros que permitirán a contratación dunhas 1000 persoas.

26 de xullo de 2017 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.