publicidade hoxe

A Egap analiza nun congreso as medidas máis recentes para favorecer a loita contra o branqueo de capitais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

Esta mañá a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, inauguraron o quinto Congreso sobre prevención e represión do branqueo de diñeiro, organizado entre a EGAP e a Universidade de Santiago de Compostela.

Durante o acto a directora da EGAP incidiu no feito de que este congreso ten lugar tan só uns días despois de que entrara en vigor a cuarta Directiva da Unión Europea para afianzar a loita contra o branqueo de capitais, dirixida a intensificar as medidas adoptadas a este respecto ata a data e a aumentar a transparencia sobre a titularidade real das sociedades e fondos fiduciarios.

Ademais, Sonia Rodríguez-Campos indicou que estas reformas normativas son medidas necesarias para combater un dos delitos que en maior medida minan os sistemas e institucións financeiras e que, lamentablemente, peores consecuencias ten para a seguridade dos cidadáns e para a súa confianza no funcionamento das institucións. “Vivimos nun tempo no que termos coma paraísos fiscais, sociedades opacas e corrupción son habituais nos medios de comunicación e non debemos rendernos nin dar por suposta esta realidade. Por iso é necesario coñecer como se está abordando a persecución deste delito e como se está a favorecer a súa investigación no noso país e no seu contorno, en aras de lograr que todas estas medidas impulsadas chegan á súa plena efectividade”, subliñou.

Pola súa parte, o director xeral de Xustiza fixo fincapé en que a posta en marcha do V Congreso sobre prevención e represión do branqueo de diñeiro significa un compromiso para tratar esta materia, que leva presente desde hai moitos anos na nosa comunidade autónoma debido á lacra do narcotráfico. Tamén lembrou que a normativa ao redor desta temática experimentou numerosas modificacións lexislativas nos últimos anos, polo que a celebración desta actividade cobra aínda máis importancia.

O V Congreso sobre prevención e represión do branqueo de diñeiro

O quinto congreso sobre prevención e represión do branqueo de diñeiro terá lugar hoxe e mañá na sede da EGAP e nel participarán destacados expertos en Dereito e Economía, que abordarán en profundidade, entre outros temas, a evolución do delito de branqueo de capitais durante os últimos anos en España, e a incidencia destas últimas reformas levadas a cabo para combatelo no marco da economía e sociedade dixital.

20 de xullo de 2017 | 14:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.