publicidade hoxe

A Consellería de Medio Rural achegou nos últimos anos 1,4 millóns de euros a Kiwi Atlántico para mellorar a súa produción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadumia
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá no concello pontevedrés de Ribadumia a explotación Kiwi Atlántico, á que se lle concederon nos últimos anos axudas por valor 1,4 millóns de euros correspondentes coa orde de transformación e comercialización de produtos agrarios. Desta achega, 875.902 euros atinxen á convocatoria deste ano.

A través desta subvención, a empresa busca ampliar as súas instalacións coa construción dunha nova superficie cuberta que constaría dunha nave de 985 metros cadrados para novas cámaras frigoríficas, a ampliación da zona de procesado en 734 metros cadrados e a execución dunha nova cámara de maduración de 53 metros cadrados. Ademais, mellorará a climatización de recintos frigoríficos para outras dúas novas cámaras de conservación e para el área de traballo.

Neste sentido, Ángeles Vázquez destacou o carácter emprendedor desta compañía ao ocuparse da produción, industria e comercialización deste froito no que Galicia é punteira. “Traballa en todos os eidos da cadea”, resaltou a conselleira, que lembrou que a nosa comunidade é a principal produtora de kiwi de España, con 12.099 toneladas, un 61% da produción estatal. En concreto, hai 851 hectáreas cultivadas de kiwi e 190 produtores, dos que un 30% son profesionais e o resto teñen esta produción como actividade complementaria.

Respecto á orde de axudas de transformación e comercialización, 144 empresas beneficiaranse este ano destas subvencións que ascenden a 24 millóns de euros e xerarán un investimento en Galicia de 74,7 millóns de euros. No caso concreto do sector hortofrutícola, serán 10 as explotacións que recibirán achegas por un montante de 1,3 millóns de euros para desenvolver proxectos por valor de 4 millóns.

60% de produción galega

Kiwi Atlántico naceu en 1988 e hoxe en día dispón de máis de 170 hectáreas de produción en España e Portugal, ademais de 50 no Uruguai, pero o 60% do seu produto comercializado procede de Galicia, sendo Pontevedra a provincia con maior número de superficie plantada (máis de 500 ha). As dúas marcas que actualmente se encontran no mercado son Kiwi Fresh, para a froita que procede de Portugal, e Kiwi Atlántico, para a calidade premium.

19 de xullo de 2017 | 14:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.