A Consellería de Educación adxudica as obras de reforma dos aseos do CEIP de Guillarei en Tui
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou esta mañá que a Xefatura Territorial de Educación acaba de adxudicar as obras de reforma dos aseos do CEIP de Guillarei en Tui.
Estes traballos serán os primeiros que se executan este verano directamente a través dos fondos da Xefatura Territorial de Educación, priorizando as necesidades máis urxentes de cada un dos centros educativos da provincia.
As obras, que se levarán a cabo nas próximas semanas, suporán un investimento de case 31.000 euros tanto para demolicións, revestimentos, falsos teitos, carpintería, instalación eléctrica e de fontanería, pintura e ventilación.
Deste xeito, levarase a cabo a mellora dos aseos do CEIP de Guillarei situados na planta baixa, dotándoos dun espazo adaptado para persoas con discapacidade e necesidades especiais.
Ademais, tamén se creará un cuarto de limpeza e se corrixirán outras deficiencias que presentan os baños, como olores, perdas de fluídos, tubaxes e pavimentos degradados que impiden unha boa hixiene e falsos teitos danados, “o cal xerou problemas de uso destes aseos, razón pola que se tomou a decisión de poñer en marcha unha reforma integral destes espazos na planta baixa”, engadiu Cores Tourís.
Cada novo aseo estará dotado de dous inodoros e un lavabo instalándose ademais nos baños de nenos un urinario. Tamén se cambiará a fontanería en aceiro inox e toda a rede de desaugadoiros mediante a condución dunha arqueta debaixo do forxado. Cambiaranse os solados metendo terrazo e instalaranse novos falsos teitos e luminarias de tecnoloxía led con novos puntos de luz e lumieiras de emerxencia. Dotarase aos aseos de produción de auga quente cun termo eléctrico de 200 litros.