A área de Igualdade da Deputación da Coruña difunde unha curtametraxe para promover a igualdade na mocidade
“Metamorfose” é o titulo do relato co que o mozo Xián Barreiro Codesido, do concello de Touro, gañou o concurso de microrrelatos que a área de Igualdade da Deputación da Coruña convocou dentro do programa “Suprime o control”. Agora é unha curtametraxe que se difunde na rede e en centros educativos para eliminar a discriminación e contribuír a poñer fin á violencia de xénero.
A curtametraxe foi presentada pola deputada de Igualdade da Deputación, Ánxela Franco, no C.P.I. Fonte Díaz do concello de Touro, centro en que estuda Xián Barreiro Codesido, autor do relato gañador do concurso sobre o que se elaborou a peza audiovisual que agora se difunde como material para concienciar pola igualdade na mocidade.
A iniciativa forma parte do programa “Suprime o control” que se desenvolveu en centros educativos dos concellos de Trazo, Touro, Malpica, Cerceda, Ponteceso, Boimorto, Dodro, Tordoia, Arzúa, O Pino e Mesía na súa primeira etapa e que tiña como obxectivo contribuír á violencia de xénero desde o ámbito educativo.
O programa destínase ao alumnado de 3ª e 4ª da ESO, as súas familias e ao profesorado e ofrece ferramentas coas que traballar pola construción de identidades igualitarias facendo unha especial crítica ás violencias machistas na adolescencia e á súa reprodución na actualidade por medio das aplicacións móbiles ou as redes sociais.
“Suprime o control”, forma parte das accións que a Área de Políticas de Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña, da que é responsábel da deputada Ánxela Franco, destina á eliminación da violencia de xénero no ámbito educativo, cun traballo que se centra de maneira especial con adolescentes. “Este programa ten como obxectivo que mozas e mozos abran os ollos para detectar a violencia machista e o resultado deste concurso, coa curtametraxe que agora difundimos é un bo exemplo do que queremos. Estamos a falar dun tramo de idade que é de especial importancia para construír unha sociedade máis igualitaria e, por iso, desde a área de Igualdade desenvolvemos varias iniciativas destinada a mozos e mozas”, explica Ánxela Franco.
“Suprime o control” incluíu un programa socioeducativo con obradoiros sobre a construción de identidades igualitarias, fortalecemento da intelixencia emocional, identificación e prevención da violencia de xénero e análise crítica do amor romántico. Ademais, dedicou durante o pasado curso especial atención ao papel das TICS como ferramentas de relación entre a mocidade e, entre elas desenvolveuse o concurso de micro-relatos que gañou “Metamorfose” sobre o que se creou a curtametraxe que agora se disponibiliza na rede.
Estas iniciativas súmanse a outras que anualmente convoca a área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero como o concurso Concepción Arenal de proxectos de igualdade e prevención de violencia de xénero para centros educativos -que sairá unha nova edición publicada proximamente- ou o concurso de guións dirixido á poboación adolescente que ten como un dos premios a edición do proxecto coa axuda de profesionais.











