publicidade hoxe

Vilanova de Arousa recibe 4.000 euros do “Plan Concellos 2017” para o subministro de sistemas de audio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVilanova de Arousa
A-
A+

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova achega ao Concello de Vilanova de Arousa ao abeiro da liña 1 de Investimentos do “Plan Concellos 2017”. Nesta quenda, a vila do Salnés recibe unha axuda de 3.673,02 euros que permitirá que o Concello adquira un sistema de audios para a realización de actividades. Concretamente para a compra de 2 altofalantes de 1.600 w e soportes, 1 mesa de mesturas, 10 canles con estoxo, 3 micrófonos con cable de 3 m con 3 pés, sistema sen fíos formado por dúas petacas e un elemento de man, 1 bafle alto de dúas vías e 140 w de cableado para a conexión.

Ademais, anteriormente a Deputación de Pontevedra xa destinara a Vilanova de Arousa 195.481,66 euros en liña 1 para o acondicionamento da ampliación dun centro de formación con novas tecnoloxías no pazo de Vista Real, a adquisición dun escenario modular, a urbanización da praza do Parque, a realización de melloras no alumeado do campo de fútbol de San Miguel de Deiro, para adquirir cadeiras que destinará á realización de eventos e para o subministro de diversos equipamentos infantís para o xardín de Umbrío. Ademais, 103.764,83 euros en liña 2 para gastos correntes e actividades como a actuación musical da Festa do Mexillón e do Berberecho e a Festa do Momo e, finalmente, outros 155.647,25 euros para a contratación de 18 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Coa suma destas cinco novas achegas, a porcentaxe de adxudicación do “Plan Concellos 2017” da Deputación de Pontevedra en Vilanova de Arousa sitúase neste momento no 61,97 %. Isto supón que o concello xa dispón de 458.566,76 euros dun total de preto de 740.000 euros.

27 de xuño de 2017 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.