Uns corenta emprendedores impulsan os 22 proxectos que comezan a súa aceleración no coworking de Santiago
Un total de 38 emprendedores están convocados para iniciar mañá, na Cidade da Cultura, as actividades de formación, asesoramento e titoría personalizada para acelerar a posta en marcha de 22 novos proxectos empresariais no ámbito das industrias culturais.
Os participantes seleccionados ao abeiro da segunda convocatoria dos espazos coworking impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI), poderán acceder a formación específica a contarán con titores axeitados ás peculiaridades dos seu proxectos para acelerar a súa posta en marcha.
Os emprendedores que desenvolveron os 21 proxectos que remataron o proceso no marco da primeira convocatoria, desenvolvida no espazo para o emprendemento cedido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, apostaron por actividades baseadas nas TIC para impulsar empresas centradas en ámbitos como a artesanía, a educación, a música, o turismo ou a comunicación para o sector pesqueiro, entre outras.
Tamén na segunda edición que agora comeza, os proxectos a apoiar en Santiago están orientados á creación de empresas pertencentes ás industrias culturais e tecnolóxicas: iniciativas impulsadas por deseñadores, ilustradores, profesionais da comunicación, escritores-guionistas, editores, representantes e promotores artísticos, produtores, xestores culturais, programadores de aplicacións informáticas e proxectos culturais na internet, así como outros con vinculación en proxectos que fomenten innovación cultural e as novas tecnoloxías. Así, este espazo de traballo vén complementar o labor da aceleradora Galicia Open Future, dedicada en Santiago ao emprendemento tecnolóxico e no que a Xunta colabora con Telefónica.
No marco da actuación de aceleración de proxectos empresariais impulsada polo Igape e a EOI abren esta semana de novo espazos de emprendemento en Cabana de Bergantiños, Ferrol, Monforte, Mondoñedo e Celanova, ademais de en Santiago. En cada unha destas sedes haberá outras dúas edicións que se desenvolverán o ano que vén, cada unha durante 5 meses, e que poderán acoller, en cada caso, entre un e tres emprendedores por cada un dos proxectos seleccionados para cada edición, un máximo de 22 por cada sede e convocatoria.
Deste modo, e ao abeiro deste marco de colaboración impulsado pola Xunta coa EOI e que conta co apoio do Fondo Social Europeo, os emprendedores galegos seguirán a dispoñer de diferentes servizos de formación, asesoramento e aceleración para os seus proxectos, así como de ferramentas e instrumentos financeiros de apoio para poñelos en marcha, aos que se poden acoller xa os emprendedores que remataron o seu período formativo.
O obxectivo dos espazos de emprendemento Igape-EOI é acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, incrementando a probabilidade de éxito das ideas impulsadas polos novos empresarios e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.











