publicidade hoxe

Uns 400 palistas participarán no Descenso Internacional do Miño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLugoLugoRábade
A-
A+

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, presentou este martes a 61 edición do Descenso Internacional do Miño, que terá lugar o vindeiro sábado a partir das 17:00 horas, con saída en Rábade e chegada no Club Fluvial de Lugo. Fíxoo acompañado polo Alcalde de Rábade, Francisco Fernández Montes; o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible de Lugo, Daniel Piñeiro; o Presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea García; o xerente do Hospital Polusa, Justo Jorge López; o Presidente do Club Fluvial, Tito Valledor; o responsable de Eventos e Orientación do Fluvial, Manuel Castiñeira; e o director técnico de Piragüismo, José Antonio Fernández.

O organismo provincial realiza unha achega anual de 15.000 euros para a organización de diferentes actividades deportivas na provincia a través do Club Fluvial de Lugo, entre as que se atopa o 61 Descenso Internacional do Miño, a segunda proba de piragüismo máis antiga de España e un referente do piragüismo galego.

Rivera Capón subliñou que “este ano acadamos un novo récord de participación, xa que polo de agora hai inscritos 396 palistas, procedentes de 28 clubs de toda Galicia, o que supera as cifras da pasada edición. Tamén se incrementa o número de embarcacións, pasando das 302 da pasada edición, ás 308 contabilizadas ata hoxe”.

O Deputado de Deportes engadiu que “esta competición enmárcase nas diferentes colaboracións que levamos a cabo co Club Fluvial ao longo do ano e que nos permiten achegar o deporte á mocidade lucense, promovendo hábitos de vida saudables e dinamizando a economía dos nosos Concellos, posto que probas como este Descenso Internacional logran reunir a unha gran cantidade de participantes así como de afeccionados”.

Os representantes das institucións, do club organizador e da propia Federación Galega de Piragüismo coincidiron en salientar o bo momento que vive este deporte en Galicia, comunidade na que xa hai 4.000 licenzas, e en especial na provincia de Lugo.

A proba organizada polo Club Fluvial de Lugo e a Fegapi, conta co patrocinio da Deputación de Lugo e coa colaboración de Xunta de Galicia; Concellos de Lugo, Rábade e Outeiro de Rei; Estrella Galicia; Coca-Cola; Polusa; Policía Local e Protección Civil. Ademais dos trofeos aos tres primeiros clasificados nas distintas categorías, este ano como novidade, a firma Freire Asesores donará tres paletas de ibérico aos integrantes dos primeiros k1 e k2 que crucen a meta, de entre todas as embarcacións e categorías, con saída en Rábade. Ademais, o Concello de Outeiro de Rei concederá trofeos aos primeiros K1 e K2 en cruzar a súa meta volante.

Programación

Ao igual que en edicións anteriores, no Concello de Rábade estará situada a saída, a partir das 17:00 horas, para as modalidades de K1 e K2 nas categorías de home xuvenil, sénior e veterano, que deberán percorrer 17 quilómetros e medio para chegar á meta, situada no Club Fluvial. Pola súa banda, os homes da categoría cadetes, na modalidade de K2, tomarán a saída ás 18:00 horas dende Ombreiro para cubrir un percorrido de 8 quilómetros, nun circuíto no que tamén remarán todas as categorías de mulleres, nas modalidades de k1, k2 e C1. Este mesmo percorrido será o que deberán afrontar os participantes na modalidade de C1, en homes veteranos, sénior, xuvenil e cadetes. A meta volante do circuíto estará situada no concello do Outeiro de Rei, que un ano máis colabora xunto co de Rábade na celebración deste descenso.

Como é habitual, haberá unha importante representación da provincia de Lugo, cos clubs Cidade de Lugo, Altruán de Ribadeo, CD San Ciprián, Club de Piragüismo Viveiro e o Club Fluvial de Lugo, que exerce de anfitrión nesta proba.

6 de xuño de 2017 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.