Uns 30 emprendedores impulsan os 22 proxectos que comezan a súa aceleración no coworking de Mondoñedo
Preto de 30 emprendedores iniciarán mañá, no espazo cedido polo concello de Mondoñedo, as actividades de formación e asesoramento que lles permitirán o desenvolvemento e aceleración de 22 novos proxectos empresariais na comarca.
A segunda edición da aceleradora de proxectos emprendedores desenvolverase durante os próximos cinco meses, no marco dunha iniciativa de colaboración impulsada conxuntamente pola Xunta de Galicia, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI). Os 27 emprendedores seleccionados contarán con servizos de apoio adaptados ás súas ideas de negocio para acelerar a posta en marcha das súas empresas.
A finalidade das iniciativas de coworking é facilitar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, incrementando as probabilidades de éxito e consolidación das iniciativas impulsadas polos emprendedores. Ao amparo deste proxecto, que conta co apoio do Fondo Social Europeo, os emprendedores da comarca de Mondoñedo accederán a diferentes servizos de formación, asesoramento e aceleración de proxectos, así como de instrumentos de apoio para poñelos en marcha habilitados a través do Igape, con programas como o Galicia Emprende, ou Xesgalicia, con fondos de capital risco como Galicia Iniciativas Emprendedoras.
Os 16 proxectos desenvolvidos durante a primeira edición do espazo coworking de Mondoñedo, impulsados por unha vintena de empredendores que participaron na aceleradora, apostaron por actividades empresariais como o turismo sostible, a construción, as TIC, o comercio, o deseño ou a moda.
Ao abeiro desta actuación de aceleración de proxectos empresariais, durante esta semana estanse a activar novamente espazos de emprendemento en Ferrol, Celanova, Monforte, Cabana de Bergantiños e Santiago, ademais de en Mondoñedo. En cada unha destas sedes haberá durante o próximo ano outras dúas edicións sucesivas que se desenvolverán durante 5 meses. No marco desta segunda convocatoria que esta semana comeza, un total de 164 emprendedores impulsarán o desenvolvemento de 125 novos proxectos empresariais ata fin de ano.
Os coworking impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e a EOI reforzan a Rede Galega de Aceleradoras promovida pola Xunta, que está a desenvolver un papel fundamental para transformar iniciativas innovadoras en empresas. De feito, a través da mesma xa se desenvolveron, nos catro últimos anos, 500 proxectos que supuxeron a mobilización de 14 millóns de euros.