publicidade hoxe

Prestixiosos intérpretes galegos e internacionais participan no festival Groba do 11 ao 18 de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaPonteareas
A-
A+
Presentación do Festival Groba

Presentación do Festival Groba

Ponteareas acollerá, entre o 11 e o 18 de agosto, a quinta edición do Festival Groba, “un encontro musical de alta calidade enfocado, ao mesmo tempo, á aprendizaxe da música clásica da man de intérpretes de carreira internacional”. Así se referiu esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ao festival, que tamén cualificou como “unha oportunidade para que os alumnos e alumnas de Galicia poidan complementar, no verán, o estudo do ano académico cunha experiencia práctica e en contacto con mestres recoñecidos”.

Na rolda de presentación da programación, na que tamén participaron o compositor Rogelio Groba Groba, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas; o director do festival, Rogelio Groba; e o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal; Anxo Lorenzo recordou que “o Festival Groba volverá encher Ponteareas, un ano máis, dun dos seus sinais de identidade, a música”, ao tempo que destacou o interese de novas iniciativas de festivais e espazos de formación artística destinada fundamentalmente á xente nova, en diferentes ámbitos de especialidade e de nivel formativo”.

Finalmente, expresou o seu desexo de que “o festival sexa un éxito e unha experiencia enriquecedora para todo o alumnado participante; e, para Ponteareas e para a música galega, que contribúa a achegar cada vez máis público”.

Recoñecidos intérpretes galegos e internacionais

A quinta edición do festival contará con artistas convidados de primeiro nivel, como Guy Braunstein (violín), Clara Jumi Kang (violín), Pablo Vidal (violín), Anastasia Kobekina (violonchello), Zvi Plesser (violonchello), Sunwook Kim (piano), Julien Quentin (piano), Gili Schwarzman (frauta) Miguel da Silva (viola), Hèléne Deisant (viola) ou a soprano Isabella Gaudí, xunto con nomes relevantes do panorama galego, como Alba Reirís ou Bernabé Simes. Tamén contará, como é habitual, coa Orquestra de Cámara Galega, que exerce de orquestra residente do festival.

Formación e estreas

En canto á vertente de formación artística para o alumnado participante, o festival centrará o seu repertorio nos conxuntos de cordas e piano. Ademais, prestarase unha atención especial á divulgación do compositores galegos, concretamente ao compositor lucense Luis Álvarez Cabado e, consonte aos obxectivos da iniciativa, ao mestre Rogelio Groba. Este ano, en colaboración coa Fundación Groba, o festival estreará “Na suaviña”, unha obra escrita especificamente para a ocasión polo compositor ponteareán, creada para soprano e orquestra.

Outras composicións de Gobra, xunto con pezas habituais do repertorio internacional de autores como Haendel, Brahms, Mendelssohn, Holst, Telemann e Dvorak completan a oferta muscial do festival.

Difusión e posta en valor da música clásica

Divulgar a música do mestre Rogelio Groba, ofrecer unha programación musical de calidade que poña de relevo a importancia da música clásica e o labor que os músicos galegos realizan no ámbito da interpretación, en cooperación con músicos internacionais de destacada traxectoria, e fomentar o estudo da música, xunto coa formación do alumnado da man de prestixiosos intérpretes son algúns dos principais obxectivos desta iniciativa, coa que vén colaborando, desde a súa posta en marcha, a Consellería de Cultura e Educación.

29 de xuño de 2017 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.