publicidade hoxe

Os promotores de 21 novos proxectos empresariais comezan a súa formación no espazo coworking de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O espazo cedido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria nas instalacións do CIS Galicia acollerá mañá, xoves, o comezo das sesións de formación, asesoramento e titoría para os impulsores dos 21 proxectos emprendedores seleccionados para participar na segunda convocatoria do espazo coworking ferrolán, promovido conxuntamente polo Igape e a Escola de Organización Industrial (EOI).

No CIS Galicia desenvolveranse durante os próximos cinco meses as actividades formativas destinadas a facilitar a aceleración destes novos proxectos emprendedores na zona. Os emprendedores seleccionados contarán con servizos de apoio personalizados para desenvolver as súas iniciativas de negocio e avanzar cara á posta en marcha e a consolidación das súas empresas.

Deste xeito, e ao amparo deste marco de colaboración, que conta co apoio do Fondo Social Europeo, os emprendedores das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal seguirán dispoñendo de completos servizos de formación, asesoramento e aceleración para os seus proxectos, ao tempo que poderán contar cos instrumentos de apoio coordinados pola Xunta para poñelos en marcha, como o programa de axudas directas Galicia Emprende, ao que tamén pode acudir os emprendedores que xa remataron o seu período formativo.

Os 18 proxectos que remataron a primeira edición na aceleradora ferrolá apostaron por actividades empresariais innovadoras relacionadas co turismo, a ecoloxía, a fibra óptica ou os drons, entre outras. O obxectivo prioritario do espazo coworking é acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais, facilitando a diversificación da economía e a creación de emprego sobre o territorio, mediante a posta en marcha e a consolidación temperá de novas empresas.

Ao abeiro desta segunda convocatoria que esta semana comeza a desenvolverse haberá espazos de emprendemento activos en Monforte, Mondoñedo, Celanova, Santiago e Cabana de Bergantiños, ademais de en Ferrol. En total, 164 emprendedores impulsarán o desenvolvemento de 125 novos proxectos empresariais deica fin de ano. En cada unha destas sedes haberá outras dúas edicións sucesivas que se desenvolverán, durante 5 meses cada unha, durante o ano próximo.

Os espazos coworking impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa EOI, veñen reforzar a Rede Galega de Aceleradoras promovida pola Xunta, que está a desenvolver un papel fundamental para transformar iniciativas innovadoras en empresas. A través da mesma desenvolvéronse, nos catro últimos anos, 500 proxectos que supuxeron a mobilización de 14 millóns de euros.

21 de xuño de 2017 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.