Os concellos de Lugo recibirán máis de 4,1 millóns de euros para mellorar os seus camiños rurais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

Os concellos de Lugo recibirán unha axuda total de algo máis de 4,1 millóns de euros para o acondicionamento de camiños rurais de titularidade municipal. O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, acompañado polo delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, presentou esta mañá os detalles desta iniciativa aos alcaldes da provincia.

O director xeral sinalou que estas actuacións nos camiños enmárcanse no obxectivo xeral do Goberno galego de fixar poboación no rural e mellorar a calidade de vida dos seus habitantes, a través de diferentes iniciativas que buscan entre outros fins o da cohesión territorial. Intégrase no Plan de fixación dotado cun total de 231 millóns de euros.

A posta en valor de vías rurais permitirá actuar nuns 650 quilómetros en toda a comunidade ao longo dos vindeiros dous anos. Así, facilitarase a accesibilidade a predios e explotacións agroforestais, así como aos núcleos de poboación, unhas actuacións para as que se dedicarán 16 millóns de euros no conxunto de Galicia, cunha porcentaxe de axuda do 100% dos gastos subvencionables, agás o IVE, que correrá a conta dos concellos.

O director xeral explicou ademais que o reparto destes fondos fíxose de acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), tendo en conta criterios obxectivos, como a poboación ou a ruralidade.

7 de xuño de 2017 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.