Os concellos coruñeses poderán difundir a súa oferta na páxina de Turismo da Deputación da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Destinos, roteiros, eventos, festivais… os concellos terán acceso directo á páxina web da área de Turismo da Deputación da Coruña que nace con vocación de se converter en soporte de difusión da oferta turística da provincia.

A área de Turismo da Deputación da Coruña dá un paso máis na súa estratexia de se converter en plataforma da oferta dos concellos ao por a disposición de persoal técnico e político dos concellos o acceso a súa páxina web co fin de incluír a súa oferta de actividades e destinos. Desde a Deputación desenvolveranse diversas iniciativas co fin de afortalar un portal cun óptimo posicionamento na rede.

Neste sentido, na mañá deste xoves día 29, persoal técnico e responsábeis políticos das áreas de turismo dos concellos participaron na Deputación da Coruña nunha xornada formativa para poder acceder directamente á plataforma co fin de enviar contidos de novas e eventos ou introducir información dos distintos recursos, en especial de propostas patrimoniais, culturais, gastronómicas ou paisaxísticas. Ademais, a través da web o persoal dos concellos poderá comunicarse directamente a través dun correo interno coa área da Deputación e compartir arquivos e información.

“A iniciativa responde a unha política clara de ofrecer servizos aos concellos e, en especial, servir de plataforma de difusión dos destinos, neste caso a través da rede, seguindo a liña que iniciamos nas feiras de turismo ou en programas como o de turismo escolar ao que se incorporaron as ofertas dos concellos”, explica o responsábel da área, Xosé Regueira.

A información que se inclúe na páxina web por parte dos concellos será difundida tamén a través das redes sociais da área de Turismo da Deputación. “Queremos, con esta nova aposta, abrir horizontes para os distintos destinos aproveitando as posibilidades que a rede nos ofrece no ámbito turístico”, explica Xosé Regueira, dun sector que ten nas novas tecnoloxías un soporte privilexiado de difusión.

A páxina web ofrece información dos camiños de Santiago, do programa de Turismo Industrial e escolar, propostas de ocio e tempo libre como festas e feiras e sendas, roteiros e camiños e os procesos dos dous concursos que promove a área, o de fotografía turística e o de turismo escolar.

Os novos enderezos dos soportes de comunicación na rede da área de Turismo da Deputación da Coruña son:
dacoruna.gal/turismo
Twitter: @DACTurismo
Facebook: Turismo da Deputación da Coruña
Instragram: Dacturismo

29 de xuño de 2017 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.