publicidade hoxe

O Ges de Ponteceso incorpora un sistema de identificación de parcelas para a loita contra os incendios forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteceso
A-
A+

A Consellería do Medio Rural aplaude a iniciativa do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES) de Ponteceso ao incorporar un sistema de identificación de parcelas para a defensa contra os incendios forestais.

Esta aplicación permite ter localizadas todas as parcelas do municipio que estean dadas de alta no Catastro e así poder identificar aos seus propietarios. Os datos que se achegan ademais son o tipo de solo, as construcións existentes en cada un dos predios e as distancias aos núcleos de poboación ou instalacións perigosas como poden ser as gasolineiras.

O obxectivo deste proxecto é poder definir as faixas de xestión da biomasa que están afectadas pola Lei de Montes de Galicia e/ou a Lei de prevención de incendios. Neste senso, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez lembra que a normativa actual establece que os primeiros responsables de xestionar debidamente os terreos forestais son os seus propietarios e que aos concellos lles corresponde manter en condicións a vexetación nas franxas próximas aos núcleos habitados, repercutindo o custe destes labores sobre os propietarios das parcelas.

A Consellería do Medio Rural ve esta ferramenta moi útil na prevención e loita contra os incendios forestais, xa que permite ver que predios non están debidamente acondicionados e poder comunicarlles aos seus donos o deber que teñen nesta materia. O Goberno galego fai un chamamento para que, entre todos, fagamos un esforzo para cumprir estas normas, a prol dunha maior seguridade das persoas, en primeiro lugar, e tamén dos bens non forestais, diante do problema dos lumes.

27 de xuño de 2017 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.