publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O certame Cooperativismo no ensino premia ao CEIP Sestelo Baión de Vilanova de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilanova de Arousa
A-
A+

A Xunta entregará mañá ao CEIP Sestelo Baión de Vilanova de Arousa o premio do certame Cooperativismo no ensino que conseguiu grazas ao traballo Pentágono das terras raras, un proxecto desenvolvido por 17 alumnos que foi merecedor do accésit na modalidade artística desta iniciativa.

O concurso ten por obxecto potenciar e propiciar valores e principios que inspiran o cooperativismo como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada. Os gañadores recibirán un premio económico de 1.000 euros para o centro, que poderán ser empregados para a adquisición de materiais ou realización de actividades para o alumnado.

O acto terá lugar mañá ás 12,00 horas e, tras a entrega do galardón, os alumnos e alumnas do centro poderán desfrutar da compañía teatral Xarope Tulú, que representará a súa obra Cardume, un espectáculo que combina a narración oral coa música en vivo, no que o público participa converténdose en ocasións en protagonista. A obra achega historias onde as personaxes traballan xuntos para acadar os seus soños, promovendo valores que fomenta o cooperativismo como son a cooperación, a solidaridade, a axuda mutua, a igualdade ou a equidade.

Cooperativismo no ensino forma parte dos actos que está levando a cabo a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración co Consello Galego de Cooperativismo, para celebrar o mes do cooperativismo en Galicia co obxectivo de difundir as vantaxes desta fórmula empresarial e que rematará o 1 de xullo coa entrega de Premios á Cooperación 2017.

Ao longo dos próximos días iranse entregando máis premios: o 12 ao IES Pino Manso do Porriño (Pontevedra); o 13 ao CEIP plurilingüe Domaio de Moaña (Pontevedra); o 15 ao IES Sanxenxo de Portonovo (Pontevedra); o 16 ao CPI Monte Caxado de Ferrol; e o 23 ao CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros (Lugo). Xa o recibiu o IES Monte Neme de Carballo.

Así mesmo, desenvolverase o programa Cooperativismo en movemento co que se levará ás vilas galegas as vantaxes das cooperativas con exposicións e a través da actuación do monologuista Marcos Pereiro. Esta campaña percorrerá as localidades de Foz, en Lugo; Chantada, Pontevedra e Vilanova de Arousa, en Pontevedra; Porto do Son, na Coruña; e no Carballiño, en Ourense.

Por último, o 30 de xuño, terá lugar unha xornada de portas abertas co obxectivo de que as cooperativas poidan mostrar o seu labor á cidadanía. Esta programación rematará o 1 de xullo coa celebración do Día do Cooperativismo en Galicia.

8 de xuño de 2017 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.