publicidade hoxe

O CEIP Alfredo Brañas da Laracha estrea comedor escolar tras un investimento da Xunta de 30.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, no concello da Laracha, no que a Xunta de Galicia vén de completar un investimento de preto de 30.000 euros para habilitar un comedor escolar nunhas dependencias do edificio principal que anteriormente acollían un almacén e que foron adaptadas, dotando a estancia con todos os servizos e equipamentos de fontanería e electricidade. O comedor ten capacidade para 35 usuarios e permite normalizar o servizo diario e o programa Madrugadores. Nos traballos colaboraron o Concello da Laracha e a Asociación de Nais e Pais.

Na súa visita, Ovidio Rodeiro comprobou tamén outros investimentos realizados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no centro, como a instalación dunha alarma por 3.000 euros, a reparación dun colector de pluviais por máis de 2.000 euros ou a substitución dunha condución de calefacción por máis de 5.600 euros. No seu día acometérase tamén un importante investimento de máis de 60.000 euros na reparación da fachada do edificio e na instalación eléctrica.

Rodeiro, que estivo acompañado na súa visita polo alcalde, José Manuel López Varela, a directora, Agripina Alfeirán, o xefe territorial de Educación e reprensentantes da ANPA, agradeceu a mestres e persoal laboral “o compromiso coa vocación de formar aos galegos do futuro”. “Sen dúbida, engadiu, tendes unha inmensa responsabilidade, dura pero moi gratificante”.

En total, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinou o pasado ano 5,2 millóns de euros a obras de mantemento mellora dos centros de Educación Infantil, Primaria e Secundaria da provincia da Coruña. En concreto, o orzamento para os colexios de Infantil e Primaria ascendeu a 3,9 millóns de euros, mentres que en centros de Secundaria a consellería inviste 1.360.000 euros.

6 de xuño de 2017 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.