O CDTIC da Amtega acollerá unha xornada sobre o whatsapp como ferramenta de comunicación profesional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organiza, o día 22 de xuño, unha sesión de formación que leva por título “WhatsApp como ferramenta de comunicación profesional” (https://cdtic.xunta.gal/whatsapp-santiago) e que se desenvolverá nas súas instalacións de Santiago de Compostela en horario de 10.00 a 13.00 horas.

Nesta actividade presentaranse os ámbitos e as condicións de uso da coñecida aplicación de mensaxería instantánea WhatsApp, así como as opcións que ofrece para a comunicación profesional. Funcións, recomendacións e boas prácticas, ferramentas que proporciona ou limitacións desta app para a un uso profesional ou, mesmo, comercial son algúns dos aspectos que se abordarán ao logo da xornada, ademais de presentarse exemplos de casos reais de utilización.

Esta sesión está destinada principalmente a persoas emprendedoras e profesionais que utilicen ou pensen en incorporar WhatsApp como ferramenta de comunicación no seu negocio. O encargado de impartir a xornada será Chistian Delgado, especialista en posicionamento e analítica web e profesor asociado da Escola de Negocios AFundación.

Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC ou através da App do CDTIC dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que aínda quedan prazas dispoñibles.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

Asemade, o Centro actúa como punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda do resto dos sectores empresariais galegos. Para iso, o CDTIC pon a disposición do sector TIC galego as súas instalacións e recursos para que poidan poñer en valor os seus produtos e servizos.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es, cofinanciado con fondos Feder.

15 de xuño de 2017 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.