Nove artistas da Mariña amosan a súa obra nunha exposición colectiva na Delegación Territorial da Xunta en Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
José Manuel Balseiro na inauguración da mostra

José Manuel Balseiro na inauguración da mostra

A sede da Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle dende hoxe unha exposición colectiva coa obra de nove artistas vinculadas á Mariña. As autoras participantes son Cristina Basanta, Lucía Catuxo, Zilí Katova, Renata Otero, Alicia Puchades, Pilar Rei, Eva Rivas, Laly Santos e Lucía Vila.

No acto de inauguración participaron as autoras e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que actuou como anfitrión.

A exposición Ser visibles. Escoitar imaxes, retratar palabras, tivo o seu xerme o pasado mes de abril na Semana das artes plásticas da Mariña celebrada no Cenima de Foz, e trasládase agora á capital para “continuar reivindicando o traballo destas artistas”, segundo afirmou o delegado territorial.

Neste sentido, Balseiro incidiu na necesidade de “estender a visibilidade da muller en todos os campos de actividade, entre eles como creadora e como motor das industrias culturais de Galicia”.

A mostra está integrada por pinturas, collages e cerámica, con variedade de materiais, elaboración, inspiración e estilos, “o que a converte nun espello do talento e da diversidade da expresión artística que ofrece A Mariña”.

A exposición permanecerá no edificio administrativo da Xunta en Lugo durante todo o mes de xuño, e pode ser visitada en horario de mañá e tarde de luns a venres, e os sábados pola mañá.

7 de xuño de 2017 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.