publicidade hoxe

Medio Rural impulsa os procesos de reestruturación parcelaria en Castro de Rei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de Rei
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu esta mañá en San Caetano ao alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado. Neste encontro ambos avaliaron os avances rexistrados nos procesos de reestruturación parcelaria neste concello lucense.

En concreto, a xuntanza centrouse nas parcelarias de Triabá e Viladonga, nas que se está a traballar por parte da consellería. A primeira delas atópase en fase de bases definitivas e a de Viladonga foi solicitada en 2005 por 76 veciños. Neste último caso están contratados o documento ambiental e o deslinde do perímetro, actualmente en execución, e ao longo deste ano está previsto contratar o estudo previo de iniciación.

Ademais destes dous procesos, no municipio de Castro de Rei Medio Rural traballa nas parcelarias de Ramil e San Xiao de Mos, ambas en fase de acordo, e xa están rematadas as de Pacios, Santa Leocadia, Prevesos, Outeiro, Bazar, Quintela, Ansemar e Balmonte-Goberno.

Só no ano 2016 o departamento que dirixe Ángeles Vázquez investiu nos procesos en marcha neste termo municipal un total de 185.163,78 euros, que se destinaron á mellora de camiños e á realización de diferentes servizos técnicos relacionados con traballos topográficos e xestión ambiental das zonas de reestruturación parcelaria. Estes fondos súmanse aos 143.502 euros achegados a este concello na mesma anualidade, correspondentes aos plans marco de camiños e plan de emerxencias. Para este ano 2017 o orzamento correspondente a Castro de Rei no plan marco de camiños é de 76.439,33 euros.

19 de xuño de 2017 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.