publicidade hoxe

Medio Rural impulsa a adaptación dos cereais de inverno en beneficio do sector agrogandeiro galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra do BrollónLocal PortadaLugo
A-
A+

A Estación experimental agrogandeira de Pobra de Brollón (Lugo), que depende da Consellería do Medio Rural, acollerá mañá unha xornada técnica e de campo sobre os ensaios de cereais de inverno (trigo e centeo). Neste foro, organizado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), exporanse os últimos resultados dos estudos realizados e abordarase ademais a problemática da roia amarela, un fungo que afecta especialmente o trigo. Ademais, amosaranse en campo os ensaios de trigos de inverno (24 variedades) e centeos híbridos (12 variedades).

A actividade vai dirixida a todos os agricultores, técnicos, panadeiros, comerciais de sementes e distribuidores do sector que poidan estar interesados na adaptación agronómica e a calidade de novas variedades de trigo e centeo híbrido, inscritas no rexistro de variedades comerciais no último ano.

Esta xornada enmárcase dentro das accións de transferencia 2017 que Medio Rural realiza a través dos seus centros de investigación e conta coa colaboración do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e da Unión Europea, a través do Feader (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural).

A finalidade dos ensaios é mellorar a produtividade e a calidade dos cultivos a través da incorporación de novas variedades, promover e dinamizar a renovación varietal como instrumento de innovación e incrementar o consumo de semente certificada. Trátase tamén de mellorar a calidade e adecuación da produción á demanda do mercado e de manter o nivel, obxectividade e imparcialidade das redes de ensaio.

Estes estudos son realizados polo Grupo para la Evaluación de Nuevas Variedades de Cultivos Extensivos (Genvce), do que forma parte o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (no que se integra o CIAM). Este grupo acumula xa 20 anos de experiencia de traballo en rede e está consolidado na avaliación e caracterización das novas variedades de cereais e outros cultivos extensivos con profesionalidade, obxectividade e imparcialidade, buscando ao tempo a transferencia rigorosa e puntual dos resultados a todos os sectores interesados.

12 de xuño de 2017 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.