Medio Ambiente atopa na arte un instrumento para a transmisión da reciclaxe e o consumo responsable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Cruz Ferreira no acto de entrega do premio

Cruz Ferreira no acto de entrega do premio

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio atopa na arte e na educación un vehículo para a transmisión de boas prácticas ambientais, como son a segregación de residuos no fogar para a súa posterior reciclaxe e o consumo prudente e responsable que contribúa á redución dos residuos e a prolongar a vida útil dos produtos. Así o manifestou a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, durante a entrega esta mañá do premio do concurso ‘Crea a túa obra de arte a partir de material de refugallo’, que, nesta ocasión, recaeu na alumna do primeiro curso de Xoiería Artística da Escola Mestre Mateo de Santiago, María Teresa Fernández, polo seu traballo titulado ‘90 por cento reciclaxe, 10 por cento imaxinado. A natureza recicla sempre: semente – vaina – froito’.

Segundo indicou a responsable do departamento autonómico, o traballo de María Teresa Fernández resultou premiado “por ter cumprido con mestría” os criterios establecidos nesta convocatoria, que son o emprego de materiais de refugallo, creatividade, orixinalidade, valor estético e artístico, mensaxe e adecuación da obra ao espírito do concurso.

Cómpre lembrar que coa convocatoria deste concurso, dirixido a todos os estudantes de ensinanza artística que cursan os seus estudos nalgunha das Escolas de Arte e Deseño da Comunidade galega, pretendíase lograr a reutilización e a reciclaxe dos refugallos mediante a exploración das súas múltiples utilidades, así como da potenciación da súa dimensión artística.

Se ben a temática da obra era libre, ao igual que a técnica elixida, a reutilización de residuos era inherente á mesma, polo que debía utilizarse de forma preferente envases de plástico, metálicos e briks, e envases de cartón e papel, é dicir, aqueles materiais cuxo destino debe ser o contedor amarelo e o azul.

En definitiva, o traballo tiña que estar conformado por un 6 por cento de materiais de refugallo como mínimo e debía ser inédito e non ter sido presentado a ningún outro concurso nin exposto con anterioridade.

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático fixo entrega, pois, do galardón, que consiste nun vale de 800 euros, que pode cambiarse por material didáctico, para o centro; e unha visita ao Museo Guggenheim de Bilbao ou ao Museo Reina Sofía de Madrid para a gañadora.

O mellor vídeo-proxecto sobre separación de residuos

É necesario recordar que a convocatoria deste concurso realizouse no marco da campaña ‘Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclemos mellor’, que lidera a Consellería de Medio Ambiente en colaboración con Ecoembes e Sogama.

A diversidade de actuacións enmarcadas nesta campaña están adaptadas a distintos perfís sociais, xa que o obxectivo é chegar ao maior número de cidadáns para que entre todos alcancemos os retos medioambientais propostos.

Así, os centros educativos foron outra das prioridades, dada a súa capacidade para amplificar a mensaxe, constituíndo unha vía de interese para chegar ás familias e contorna social máis inmediata.

Por iso, ademais do ReciclArte, convocouse un concurso escolar co fin de valorar o mellor vídeo-proxecto sobre separación de residuos e reciclaxe. O traballo premiado leva por título ‘Eu reciclo, e ti?’ cuxa autora é Carlota Atán Ares, que cursa primeiro da ESO no Colexio Manuela Rial Mouzo, de Cee. A ela se lle fará entrega tamén do agasallo, que consiste en entradas para Aquapark Cerceda e o Zoo Marcelle; e un vale 800 euros para o centro.

15 de xuño de 2017 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.