publicidade hoxe

Medio Ambiente adxudicará as obras de construción do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre en Cotobade este mes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobadeLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Consellería do Medio Ambiente prevé adxudicar ao longo deste mes de xuño a obra de construción do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do concello pontevedrés de Cotobade. Así llo trasladou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, ao alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, co que mantivo unha reunión esta mañá en Santiago.

Ana María Díaz indicoulle que na actualidade se está a ultimar a análise da documentación das ofertas presentadas ao contrato de licitación desta actuación, por un importe de 700.000 euros.

O novo centro de recuperación de fauna silvestre constará de dúas instalacións próximas: a primeira edificación, de 286,89 m2 totais, estará destinada á recepción dos animais, tratamento e atención veterinaria; e a segunda, de 554,48 m2, para a recuperación inicial dos animais e outros servizos necesarios que garantan os coidados durante a súa estancia no centro.

O centro está pensado para a recuperación de aves silvestres, pero tamén contará con recursos para o tratamento doutras especies, réptiles e mamíferos especialmente, que se atopen feridos ou enfermos.

Recordou que esta instalación estará situada na parroquia de Carballedo, onde xa está instalado o Centro Ictioxécnico e concluír así o complexo ambiental de Cotobade. A confluencia nun mesmo espazo dos centros de recuperación e repoboación de especies garantirá a eficiencia dos recursos, ademais de que porá o foco no Concello de Cotobade en canto á atención á fauna, principalmente ás aves, e ao repoboamento do salmón, troita e reo, como xa se fai dende o centro actual de Carballedo.

8 de xuño de 2017 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.