publicidade hoxe

Martes de Carnaval regresa ao CDG con 15 funcións e encontros co público

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

O Centro Dramático Galego regresa á súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, con Martes de Carnaval para ofrecer desde este mércores 28 e ata o 16 de xullo o último período de exhibición do espectáculo, integrado polas primeiras versións en galego dos esperpentos de Valle-Inclán As galas do defunto e A filla do capitán. Serán 15 funcións para despedir esta montaxe, que foi estreada a finais de abril neste mesmo espazo e percorreu despois outros oito escenarios de Galicia e Valencia.

Marta Pazos dirixiu Martes de Carnaval para a compañía pública, que desta volta lle ofrece ao público a oportunidade de manter tres encontros co equipo do espectáculo. A través destes coloquios, que terán lugar tras as funcións dos xoves 29 de xuño e 6 e 13 de xullo, afondarase tanto na obra do gran autor arousán como na proposta do CDG, que dá conta da vixencia temática e simbólica de Valle.

Novos horarios e servizo de gardería

Ademais, e para se adaptar ao período vacacional, o Salón Teatro estrea horario de verán para estas tres semanas de representacións, que terán lugar de mércores a sábado, ás 21,00 horas, e os domingos (Día do Espectador), ás 19,30 h. As entradas xa se poden adquirir a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443, ademais de poñerse á venda no despacho de billetes desde dúas horas antes do comezo de cada función.

Así mesmo, o domingo 2 de xullo o CDG organiza, en colaboración coa Fundación Eugenio Granell, un servizo de gardería a disposición de todas as persoas con nenos/as ao seu cargo que queiran asistir ao espectáculo. Esta proposta –incluída no prezo da entrada– consiste nun obradoiro de artes escénicas, para idades comprendidas entre os 5 e 13 anos, no que os rapaces poden pasar unha tarde entretida na Fundación Granell mentres os seus maiores gozan de Martes de Carnaval no Salón Teatro. Para solicitar este servizo, de prazas limitadas, cómpre enviar un correo electrónico ao enderezo centro.dramatico.galego@xunta.gal ou chamar ao 881 867 229 /226, de luns a venres de 9,00 a 14,00 h.

Montaxe frenética

Para levar a escena as dúas pezas de Martes de Carnaval, Marta Pazos contou con dez actrices e actores, que desenvolven un moi esixente traballo interpretativo e físico: Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, María Roja, Machi Salgado e Sergio Zearreta. O elenco dálle vida aos máis de 30 personaxes que suman As galas do defunto e A filla do capitán, nunha montaxe frenética tanto en escena como entre bambolinas.

O primeiro destes esperpentos, As galas do defunto, está ambientado na época na que discorre a historia da Daifa e Juanito Ventoleira, situada nunha cidade portuaria galega en 1898, en plena resaca da guerra de Cuba. Pola súa banda, A filla do capitán traslada ao “Madrid moderno” a trama que Valle construíu a partir de dous acontecementos reais do seu tempo: o pronunciamento de Primo de Rivera en 1923 e o crime do Capitán Sánchez, famoso na prensa sensacionalista de 1913.

A montaxe de Marta Pazos desenvolve unha posta en escena limpa e consecuente co universo creado polo autor arousán, poñendo o traballo de todo o equipo ao servizo do diálogo con esta icona da literatura universal.

Xunto co persoal técnico do CDG, implicouse neste proxecto un destacado cadro artístico con profesionais que veñen desenvolvendo as súas traxectorias teatrais en compañías de toda a península: Rut Balbís (movemento), Fernando Ribeiro (escenografía), Uxía Vaello (vestiario), José Álvaro Correia (iluminación), Hugo Torres (música e asesoría de dramaturxia), Esther Quintas Salgado (caracterización), Manuel Cortés (tradución), Rosa Moledo (asesoría lingüística), Ernesto Arias (traballo de palabra), Gena Baamonde (asistencia de dirección), José Faro “Coti” (asistencia de escenografía e iluminación), María Villas (asistencia de vestiario) e José Díaz (música e asistencia de produción).

26 de xuño de 2017 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.