Máis de trinta concellos da provincia da Coruña mostran o seu “Orgullo” coa campaña #construindodiversidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Por vez primeira, máis de trinta concellos da provincia conmemoraron conxuntamente o Día das Diversidades Sexuais coa campaña “Construíndo Diversidade” promovida pola área de Igualdade da Deputación da Coruña. “Sumar forzas supón dar pasos adiante na defensa dos dereitos da comunidade LGTBQI”, sinalou a deputada da área de Igualdade, Ánxela Franco.

Actos na rúa, repartos de materiais informativos, visibilización da bandeira do Orgullo en edificios públicos ou difusión do vídeo promocional foron algúns dos actos que se repetiron nos máis de trinta concellos que se sumaron á campaña “Construíndo diversidade” que a área de Igualdade da Deputación da Coruña impulsou para conmemorar este 28 de xuño o Día das Diversidades Sexuais.

Os concellos da Coruña, A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Ames, Arteixo, Arzuá, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Carballo, Cariño, Cedeira, Culleredo, Fene, Mañón, Mugardos, Muxía, Narón, Neda, Oleiros, Ordes, Ortigueira, Ponteceso, Rianxo, Sada, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Santiso, Teo, Tordoia e Vilasantar están a desenvolver ao longo do día diversas iniciativas dentro do programa “Construíndo diversidade” co fin de contribuír á visibilización da comunidade LGTBQI e á reivindicación dos seus dereitos.

A responsábel da área de Igualdade, Ánxela Franco, valorou moi positivamente a iniciativa que se desenvolveu “da man dos concellos, máis de trinta nesta primeira edición desta colaboración institucional que continúa na nosa liña de traballo e que temos certeza que se incrementará nas próximas edicións”.

Ademais da difusión que se promoveu nos diversos concellos, na sede da propia Deputación da Coruña ao longo de todo o día realizouse un acto de reparto de información e diversos materiais ademais de iniciativas para a visualización das cores da comunidade LGTBQI que desde a noite do luns iluminan a fachada do Teatro Colón, no edificio da sede institucional.

A campaña da área de Igualdade da Deputación da Coruña está a circular tamén polas redes co cancelo #construíndodiversidade e nos enderezos:
www. construindodiversidade.gal
https//twitter.com/construe_lgtbqi
https//www.facebook.com/construindodiversidade

A campaña inclúe tamén a difusión dunha pequena peza audiovisual promocional de libre distribución que busca reflexionar arredor das identidades e a diversidade sexual: https://vimeo.com/222802681

Tanto na conmemoración do pasado luns día 26 para celebrar o acendido da fachada como en todo o programa, a área de Igualdade conta coa colaboración dos colectivos LGTBQI e do tecido asociativo como ALAS Coruña, Arelas, Queer Avengers, Marcha Mundial das Mulleres ou Espazo Municipal das diversidades.

28 de xuño de 2017 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.