Máis de 700 inscritos para o Congreso de Disciplina Urbanística que se celebra en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

Máis de 700 persoas participarán no terceiro Congreso sobre disciplina urbanística, que nesta edición se celebra baixo o lema Unha perspectiva global. Trátase do terceiro encontro que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organiza de maneira consecutiva e que ten por finalidade analizar as principais cuestións de actualidade no eido urbanístico, tratando de determinar e obter respostas a problemas comúns.

Esta edición, que superou o éxito de participación das anteriores, reunirá durante a xornada do xoves, 15 de xuño, e o venres a máis de 700 persoas que intercambiarán experiencias e coñecemento en relación co territorio, xa que se trata dunha actividade dirixida a empregados públicos das distintas administracións, xuristas técnicos, enxeñeiros e interesados en xeral.

Durante a celebración deste congreso abordaranse, desde unha perspectiva global debido a transversalidade da materia, algúns dos principais puntos de conflito relacionados coa disciplina urbanística. Deste xeito, serán obxecto de análise cuestións tales como a protección da costa, a dispoñibilidade de recursos hídricos, a aplicabilidade das novidades lexislativas en materia de procedemento administrativo ou a valoración da implantación de novas medidas para superar a indisciplina urbanística.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, inaugurará o congreso que se celebrará no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, para a continuación iniciar as mesas de traballo e intervencións. A primeira, ás 10:30 horas, centrarase na disciplina urbanística e a súa interrelación coa lexislación sectorial e contará coa participación do catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Autónoma de Madrid, Ángel Menéndez Rexach.

Así, entre os relatores destacan catedráticos de dereito administrativo especialistas na materia, como os profesores Baño León, Santamaría Pastor e Parejo Alfonso; xuíces como César Tolosa Tribiño e José Ramón Chaves, e expertos urbanistas como Antonio Cano Murcia. Tamén intervirán os arquitectos urbanistas, Gerardo Roger e José María Ezquiaga, referentes na materia tanto, na esfera nacional, como internacional.

A Xunta de Galicia aposta pola protección do territorio e da paisaxe a través de distintas ferramentas, como a celebración deste congreso ou a constante e crecente actividade da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), así como a aprobación dun novo marco normativo, a elaboración dos Catálogos da Paisaxe, que son clara mostra da prioridade deste goberno polos valores naturais e por un urbanismo que proporcione un desenvolvemento sustentable.

14 de xuño de 2017 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.