publicidade hoxe

López-Chaves comproba o inicio das obras de mellora da seguridade na estrada autonómica PO-402, entre Salvaterra e Vilasobroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSalvaterra de Miño
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañado polo xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, José Luis Díez, e o alcalde de Salvaterra de Miño, Arturo Grandal, quixo comprobar de primeira man o arranque das obras de mellora da seguridade viaria na PO-402, entre Salvaterra e Vilasobroso.

O Goberno galego cumpre así coa construción dunha senda na travesía de Fiolledo ao seu paso polos devanditos termos municipais, logo de ter rematada o pasado verán a mesma intervención na travesía de Oleiros. Esta actuación conta cun investimento de 59.956,46 euros e un prazo de execución de dous meses, de modo que atendendo ao calendario a obra tería que estar rematada na segunda quincena do vindeiro mes de agosto.

A senda, cuxa construción responde a unha solicitude do propio rexedor, ocupa unha extensión de case 700 metros (entre os puntos quilométricos 1+575 e 2+265) e discorrerá pola marxe esquerda da estrada de titularidade autonómica, conectando Salvaterra e Vilasobroso, en zona de dominio público. A infraestrutura ten tipoloxía de cuneta transitable, de xeito que permite que os veciños circulen por ela de xeito cómodo e seguro, ao tempo que posibilita a recollida de augas pluviais.

O proxecto de construción deste itinerario enmárcase no Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica promovido pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI). A Xunta está a executar este tipo de actuacións coa fin de promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamentos menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular, porque estas sendas permitirán que os usuarios poidan facer desprazamentos cotiáns andando ou en bici dun xeito seguro.

12 de xuño de 2017 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.