publicidade hoxe

Juan José Martín presenta o primeiro estudo preliminar para a implantación da nova oficina xudicial de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe en Ourense nunha reunión con membros da Administración de Xustiza para poñer en común os resultados dos primeiros análises realizados de cara a implantación da nova oficina xudicial en Ourense. Deste xeito, o Goberno galego segue avanzando na futura posta en marcha desta experiencia pioneira en Galicia, que se espera que poida estar deseñada entre finais deste ano e os primeiros meses de 2018.

O obxectivo do encontro de hoxe foi intercambiar opinións sobre os resultados da análise, realizada desde o pasado mes de maio, e avaliar as alternativas organizativas propostas neste estudo de cara a estruturar a nova Oficina Xudicial.

Este estudo preliminar centrouse fundamentalmente en analizar o volume de actividade, a distribución de cargas de traballo, adecuación de recursos humanos, dotación de infraestruturas, sistemas e equipamento para, a partir de aí, propoñer as alternativas de organización que se debateron na reunión de hoxe.

A partir de agora, os representantes da Administración de Xustiza terán un prazo de tempo para estudar estas alternativas e facer as súas achegas, que se avaliarán nun encontro posterior no que se fixará o modelo definitivo para a nova Oficina Xudicial.

Ourense será a primeira experiencia piloto galega na aplicación deste novo modelo organizativo, que vén a mellorar o que existe actualmente nos xulgados. Para gañar en eficacia, organiza a actividade en dous tipos de unidades. Por un lado, as unidades procesuais de apoio aos xuíces e aos maxistrados, isto é, oficinas dotadas co persoal preciso para o auxilio estrito do labor de xuíz. E, por outra parte, os servizos comúns procesuais, que estarán a cargo do letrado da administración de xustiza e que se encargarán da tramitación uniforme de tarefas repetitivas, basicamente relacionadas coa tramitación da fase do expediente xudicial de carácter estritamente procesual como poden ser a ordenación do procedemento, a execución das resolucións xudiciais, atención ao cidadán ou actos de comunicación.

Deste xeito, organízase de xeito máis preciso e racional a actividade xurisdicional, procesual e administrativa e impúlsase un modelo de administración de xustiza baseado na eficacia, eficiencia, racionalización do traballo e no uso das novas tecnoloxías.

A implantación do novo modelo de oficina xudicial está previsto na normativa estatal. En Galicia, desde 2009 abordouse un ambicioso plan de modernización das infraestruturas xudiciais, co fin de habilitar as condicións necesarias para implantar este novo modelo de oficina.

26 de xuño de 2017 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.