publicidade hoxe

Inician os trámites para que no prazo dun ano Pontevea amplíe nun quilómetro a súa senda peonil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou esta mañá a recente publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da licitación da senda peonil e ciclista na AC-841 entre o Centro de Saúde de Pontevea (Reis) e Pontevea norte, na vía que comunica Santiago co concello pontevedrés da Estrada. Rodeiro visitou esta mañá a zona onde se construirá a nova infraestrutura.

O proxecto, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80%, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, propón unha senda, na marxe esquerda da devandita estrada, de preto dun quilómetro, que unirá a zona de Pontevea norte co consultorio local, un punto no que entroncará co itinerario peonil que vai ata o Centro de Saúde e a Escola Infantil, que foi executado pola Xunta a finais de 2013. Ademais, na marxe dereita está prevista a execución doutros 300 metros de senda. Deste xeito, crearase un camiño continuo en todo o treito obxecto da actuación que virán completar as beirarrúas existentes.

Trátase, segundo sinalou do delegado territorial, de “reforzar a seguridade de peóns e ciclistas e que a senda sexa máis visible para os vehículos que circulan pola vía”. Para elo adiantou que está previsto executala en formigón coloreado, separada da estrada por un bordo de formigón e elevada con respecto á calzada. “Hoxe mesmo iniciamos a contratación dos traballos, ca publicación da licitación da senda por importe de 393.000 euros”, sinalou Ovidio Rodeiro, quen engadiu que “isto posibilitará que neste mesmo ano se poidan iniciar as obras, que contan cun prazo de execución de seis meses e, polo tanto, estarán rematadas no verán de 2018”.

Esforzo en Infraestruturas

O itinerario peonil de Teo está incluído no Plan de Sendas de Galicia, que prevé a construción dunha rede de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe. Na comarca de Santiago prevé, nunha primeira fase, máis de 15 quilómetros de sendas e un investimento de case 3,7 millóns de euros. “A Xunta xa está a transformar en feitos este Plan, porque todas as sendas están en distintas fases da tramitación”, indicou o delegado. Explicou que a de Touro, na AC-240, xa está rematada; a de Vidán a Laraño, na AC-543, en fase de execución; e outras catro, en contratación: esta de Teo; as dúas dos concellos de Boqueixón e Santiago (A Susana-polígono industrial e polígono industrial-A Eirexe) e a de Monte Devesa-Aldea Buio, en Brión.

Ovidio Rodeiro aproveitou a visita para destacar dúas actuacións da Consellería de Infraestruturas e Vivenda que suporán un investimento no municipio de Teo de máis de 162.000 euros. Trátase de dous reforzos de firme nas estradas AC-241 e na AC-242. No primeiro dos casos, a actuación supón no termo municipal de Teo unha intervención de máis de 141.000 euros. No outro, na AC-242, o investimento no concello supera os 20.000 euros. O Goberno galego continúa a traballar “no obxectivo prioritario de conservar a rede de estradas autonómica en óptimas condicións e coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren os seus desprazamentos”, explicou o delegado territorial. O proxecto define a rehabilitación do firme existente, fresando as zonas deterioradas e esgotadas estruturalmente e repoñendo o espesor eliminado con mestura asfáltica nova.

30 de xuño de 2017 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.