Goretti Sanmartín inaugura a mostra “Os mundos de Carlos Casares” na Coruña
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín xunto co fillo do escritor Hackan Casares, e os comisarios Gustavo A. Garrido e Chus Martínez Domínguez participaron na presentación na Coruña da exposición “Os mundos de Carlos Casares”, que percorre a traxectoria vital e literaria do escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Até o día 23 de xullo permanecerá aberta na Coruña a exposición “Os mundos de Carlos Casares” que este mércores se abriu na sede da Fundación Barrié. Producida pola Fundación Carlos Casares, a exposición “Os mundos de Carlos Casares” ten como obxectivo presentar a vida e a obra do escritor ao que a Real Academia Galega decidiu dedicarlle este ano o Día das Letras Galegas.
“Mostra o carácter poliédrico da figura de Carlos Casares e contribúe ao seu coñecemento neste ano en que, ademais do Día das Letras Galegas se conmemora o cincuenta aniversario da publicación de Vento ferido, unha obra que ocupa un lugar de referencia na nosa historia literaria”, sinalou Goretti Sanmartín na súa intervención na presentación da exposición en que destacou a dimensión literaria do autor ademais da súa condición de figura cun papel relevante na historia contemporánea galega e defensor da normalización da nosa lingua.
A mostra, comisariada por Gustavo Garrido e Chus Martínez, conta cun deseño expositivo modular a cargo do estudo de arquitectura Creus&Carrasco e recolle pezas e documentos que relatan o percurso persoal do escritor ademais de pezas audiovisuais elaboradas por Andrea Vázquez e Damián Varela.
Na presentación, Gustavo Garrido, secretario da Fundación Casares ademais de comisario, fixo fincapé no “agarimo” co que a mostra fora elaborada, coa idea de achegar ao público facetas públicas mais tamén persoais do autor. O fillo do escritor, Häkan Casares, agradeceu a colaboración institucional á hora de apoiar a iniciativa que contou co patrocinio das catro deputacións ademais da Xunta de Galicia e o concello de Xinzo de Limia. De maneira especial recoñeceu o papel da Deputación da Coruña á hora de promover a itinerancia por catro concellos da provincia, Santiago de Compostela -onde estivo con anterioridade-, A Coruña, Ribeira e Arzúa.
“A exposición é unha iniciativa que permitirá achegar ao público a figura de Carlos Casares en todas as súas dimensións polo que quixemos apoiar que tivera unha itinerancia por distintos concellos da Coruña neste ano en que se conmemora o escritor”, sinala Goretti Sanmartín.
A través de cinco espazos, a mostra permite coñecer as distintas etapas e facetas de Carlos Casares, desde a súa rica produción literaria, á faceta xornalística ou de dinamización cultural e traxectoria política e institucional. “A cartografía resultante devolve unha imaxe que aspira ser completada polo público; unha viaxe de ida e volta, circular, que nos permitirá revisitar a escena cultural galega nas cinco últimas décadas, recuperando unha visión do escritor e dos seus lugares, que aspira conectar coas xeracións máis novas”, sinalan Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez, que se encargaron do comisariado da mostra producida pola Fundación Carlos Casares.
“A Fundación Carlos Casares ten ao seu coidado o legado do escritor e unha gran cantidade de documentos, fotografías e obxectos, que fan desta exposición unha montaxe única que quixemos apoiar para que unha parte importante do seu arquivo estea ao dispor do público neste ano que suporá un chanzo importante no recoñecemento da súa obra”, afirma Goretti Sanmartín.
A exposición inicia o percorrido co espazo “Paisaxes” que mostra os primeiros anos en Xinzo, os lugares da infancia e a primeira relación coa ambiente cultural con figuras como Antón Tovar, Vicente Risco ou Xaime Quesada, continúa con “Luzadas” presentando a etapa universitaria do escritor en Santiago de Compostela, co contacto con Ramón Piñeiro e os seus inicios como profesor, sigue con “A Viaxe”, en que se narra a relación con Kristina Berg e as viaxes a Europa ademais dos inicios no xornalismo e a entrada na Real Academia Galega para adentrarse logo no seu compromiso político no Parlamento Galego, a súa faceta de editor e mediador cultural para, finalmente, concluír coa súa última etapa como un novelista consolidado e presidente do Consello da Cultura Galega.











