González Formoso despide ao almirante xefe do Arsenal de Ferrol, quen pasa á reserva tras dous anos no cargo
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu esta mañá no seu despacho da institución provincial ao almirante xefe do Arsenal de Ferrol, Francisco Javier Romero Caramelo, que pasa á reserva tras case 21 meses no cargo.
Formoso destacou a “estreita colaboración” entre o Arsenal ferrolano e a institución provincial durante estes dous anos, que deu froitos como a rehabilitación da cuberta do histórico edificio de Herrerías e a potenciación da actividade de Exponav como o museo de construción naval máis importante de España no seu ámbito.
Neste sentido, o presidente provincial agradeceu a implicación do almirante Romero Caramelo “na dinamización e divulgación da actividade” da Fundación Exponav e avanzou que a exposición “Xigantes”, dedicada aos grandes fitos da contrución naval realizados na antiga Astano entre 1964 e 19812, comezará a súa itinerancia polos concellos da provincia da Coruña o vindeiro mes de xullo en Laxe.
O almirante Romero Caramelo asinou cunha mensaxe de despedida no Libro de Ouro da Deputación e recibiu como agasallo unha réplica en cerámica do Guardián de Mariñán elaborada en Sargadelos.











