publicidade hoxe

Ethel Vázquez destaca a aposta pola mellora do transporte público en Galicia co fin de facilitar a mobilidade dos cidadáns e incrementar a súa calidade de vida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal Portada
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiu hoxe á presentación de dous novos autobuses adaptados que vén de adquirir a empresa Autos Cal Pita, onde salientou a aposta decidida do Goberno galego pola mellora do transporte público coa fin de facilitar a mobilidade dos cidadáns e incrementar a súa calidade de vida.

Vázquez Mourelle destacou que o Executivo autonómico está a impulsar o Plan de accesibilidade dos autobuses ao centro da Coruña para facilitar os desprazamentos dos veciños da área mediante viaxes máis curtas e con menos desprazamentos.

A empresa Autos Cal Pita vén de adquirir dous novos autobuses cos que poderá ofrecer aos usuarios maior comodidade e maior seguridade nos seus desprazamentos. Esta empresa é a encargada de realizar o transporte regular de viaxeiros en varias liñas entre A Coruña e concellos limítrofes como Oleiros, Sada, Carral, Cambre…), ademais do transporte ao aeroporto de Alvedro.

Os dous autobuses que Autos Cal Pita incorpora á súa flota supoñen vantaxes significativas, xa que permiten ofrecer un mellor servizo, pois son máis confortables, teñen máis capacidade e garanten a accesibilidade, mediante unha plataforma de “entrada baixa” para facilitar o acceso a carros de bebé ou cadeiras de rodas. Tamén traerán vantaxes en materia de seguridade e maior eficiencia e sustentabilidade ambiental, tendo en conta o menor consumo de combustible e que son menos contaminantes.

A conselleira subliñou a aposta que está a realizar esta empresa pola renovación progresiva da súa flota, dotándose de vehículos máis modernos para ofrecer aos seus usuarios un mellor servizo. Precisou que este compromiso da empresa se traducirá tamén nun incremento de usuarios do transporte público.

A titular de Infraestruturas explicou que dotarse de autobuses máis cómodos, accesibles, modernos e seguros é unha forma de gañar usuarios, o que redundará, ademais, en beneficios para os veciños, xa que canta máis xente empregue o transporte público máis calidade de vida terán os cidadáns.

Ethel Vázquez puxo como exemplo que un autobús cheo supón sacar das rúas uns 30 vehículos particulares, polo tanto, significa máis comodidade, menos contaminación, menos ruído e máis tranquilidade.

6 de xuño de 2017 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.