Entre 2002 e 2016 revisouse a 2000 recén nados da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés no marco do Plan de xordeira neonatal
O número de nenos que se realizaron a proba de cribado no marco do Plan galego para a detección precoz da hipoacusia neonatal foi aumentando de xeito progresivo e de forma paralela á incorporación dos diferentes hospitais e maternidades privadas. Segundo o último informe emitido do programa, entre os anos 2002 e 2016 revisouse a máis de 2000 recén nados da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
O grao de participación no plan acadou unha porcentaxe superior ao obxectivo fixado, de maneira que na Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés se logrou a colaboración do 100% da mostra, e en concreto, dos 2.000 nenos e nenas participantes, máis de 1.500 cativos se corresponden á área de Pontevedra, mentres que os 500 restantes son da zona do Salnés.
Cómpre sinalar que, desde o seu inicio no ano 2002 e ata decembro de 2016, foron revisados máis de 263.306 nenas e nenos recén nados grazas á posta en marcha do Plan de xordeira neonatal, que no ano 2005 xa estaba implantado nos 14 hospitais do Servizo Galego de Saúde e que dende o ano 2007, a excelente dispoñibilidade e colaboración manifestada polas maternidades privadas permitiu que, mediante convenios de colaboración, se iniciase a súa implantación progresiva nestas maternidades privadas.
Derivacións para diagnóstico e detección de hipoacusia
Desde a implantación do programa e ata decembro de 2016, do total de nenos participantes, 1.961 precisaron ser derivados ás unidades de diagnóstico, o que supón unha taxa de derivación global do 0,74%. No caso concreto da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, 22 cativos foron os que se derivaron ás unidades de diagnóstico para levar a cabo estudos complementarios.
Tras a realización da proba de cribado, aqueles nenos que non a superan satisfactoriamente (isto pode ser debido á presenza de hipoacusia ou a outros factores temporais como a inmaturidade do sistema auditivo do recén nado), son derivados ás unidades de diagnóstico e tratamento dos hospitais da rede pública de Galicia co fin de confirmar ou descartar a presenza de hipoacusia. Tras a confirmación do diagnóstico definitivo, e antes dos seis meses de idade, os nenos deben iniciar un tratamento ben médico- cirúrxico ou de rehabilitación protésica e foniátrica segundo cada caso individual, a fin de conseguir o máximo beneficio da detección precoz.
Dos nenos derivados á unidade de diagnóstico durante o pasado ano 2016, o 83 % tiveron a súa primeira consulta con primeira proba realizada antes dos 60 días de vida.
Finalmente, detectáronse un total de 252 nenos e nenas con hipoacusia nas sete unidades de diagnóstico do programa, dos cales dous casos se corresponderon coa área de Pontevedra. Outro dato salientable é que, a nivel autonómico, a taxa de detección no período 2002-2016 é de aproximadamente 1 por cada mil nenos cribados.
O custo global do programa no ano 2016 foi de 268.647 euros. O plan inclúe todo o material desbotable para a realización das probas aos nenos, a reposición de dous equipos, así como o mantemento e calibración anual de todos os equipos habilitados no sistema público.
Beneficios do convenio coa USC
A Consellería de Sanidade e a USC (concretamente a Unidade de Audioloxía da Escola Universitaria de Óptica e Optometría) manteñen desde 2012 un convenio para a prestación de apoio técnico para o desenvolvemento das actividades relacionadas coa adaptación protésica e seguimento audiolóxico dos nenos diagnosticados polo programa.
Un dos piares básicos no tratamento dos nenos diagnosticados polo plan e unha correcta indicación e adaptación inicial das próteses auditivas e un correcto seguimento e control da calidade desta adaptación.
A día de hoxe, 82 nenos diagnosticados polo programa están sendo beneficiados por este acordo de colaboración, o que significa que accederon de xeito gratuíto aos audiófonos que precisaban e se lles garantiu a súa correcta adaptación e seguimento para obter o máximo beneficio que pode achegarlles o feito de ter participado no programa.











