Deputación de Ourense e Círculo de Empresarios de Galicia analizan accións de impulso económico para a provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo provincial ao director xeral do Círculo de Empresarios de Galicia, Víctor Jáuregui, e a destacados empresarios adscritos a esta entidade, con quen analizou as accións que se desenvolverán nos vindeiros meses nos ámbitos do emprendemento, investimento, internacionalización e networking que conxuntamente levarán a cabo a Deputación de Ourense e o Círculo de Empresarios de Galicia dentro do acordo de colaboración entre ámbalas dúas entidades a prol do impulso económico da provincia de Ourense.

Xunto a Manuel Baltar e Víctor Jáuregui na reunión participaron: Serafín Ocaña, presidente de GOC e do Círculo Financiero de Galicia; Emilio Pérez Nieto, presidente de honra de Pérez Rumbao; Artur Yuste, director xeral do Grupo Cuevas; José Antonio Vázquez, presidente de Cegasal; Aníbal Blanco, de Transportes Aníbal Blanco; Hugo González, de ARVI; Alfredo Blanco, de Copasa, e Bilgai Epstein, do Círculo de Empresarios de Galicia.

Baltar destacou a importancia da alianza entre a Deputación de Ourense e o Círculo de Empresarios, “unha colaboración público-privada que nos permitirá desenvolver iniciativas acordes coas liñas de apoio á competitividade que vimos realizando desde a institución provincial, como as misións empresariais USA-Ourense e Israel-Ourense, ou relacionadas coa análise da economía provincial, por medio do Observatorio Económico Ourensán, plataforma que axuda ao coñecemento da realidade socio-económica ourensá por comarcas e municipios, e que contribúe a planificar os obxectivos das políticas públicas que desenvolvemos”, afirma Manuel Baltar.

O acordo de cooperación entre Deputación de Ourense e Círculo de Empresarios de Galicia enmárcase no Plan “Transforma Ourense”, vencellado ao papel que exerce a Deputación como axente dinamizador social e económico da provincia de Ourense. Neste sentido, abrangue accións nos ámbitos Start-up, agroalimentario (Galicia Market Place), encontros de networking empresarial, internacionalización de Pemes, talleres para pre-emprendedores, e foros de investimento.

28 de xuño de 2017 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.