publicidade hoxe

Cultura celebra no Gaiás o Día da Música co concerto de Siniestro Total o 17 de xuño

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrará o 17 de xuño no Gaiás o ‘Día da Música’ coa actuación dun dos grandes emblemas do rock español: Siniestro Total. A banda viguesa subirá ao escenario da praza central da Cidade da Cultura a partir das 21 horas nun concerto que terá entrada libre e de balde.

Adiantándose ao Día da Música, que se celebra o 21 de xuño, a Cidade da Cultura acollerá o sábado 17 de xuño o concerto de Siniestro Total, que interpretará os temas do seu último disco ‘El mundo da vueltas’, no que recolle as cancións que foi gravando nos últimos tempos para a súa difusión a través da rede. Os incondicionais da banda viguesa poderán gozar tamén do seu repertorio clásico, elaborado ao longo dos 35 anos de historia do grupo, cumpridos o pasado 27 de decembro.

Desde o 82 subidos nun escenario

Siniestro Total é un dos grandes emblemas do rock en español, cunhas letras que supoñen un repaso mordaz sobre o ser humano. Nada no ano 82 en Vigo, a banda liderada por Julián Hernández leva 35 anos subida de forma ininterrompida sobre un escenario, cuns potentes directos e unha lexión incondicional de seguidores. Autores de verdadeiros himnos como ‘Bailaré sobre tu tumba’, ‘Ayatollah’ ou ‘Miña Terra Galega’, Siniestro Total farán da praza central do Gaiás unha auténtica festa colectiva.

Siniestro Total está formado por Julián Hernández (voz, harmónica e guitarras), Javier Soto (voz, guitarras e coro), Ángel González (batería e percusións), Jorge Beltrán (saxo, teclado e coros) e Óscar G. Avendaño (voz, baixo e coros).

O concerto terá lugar o 17 de xuño ás 21 horas na praza central da Cidade da Cultura e a entrada será libre e de balde. En caso de que as previsións meteorolóxicas non sexan favorables, o concerto trasladarase ao interior do Museo Centro Gaiás. Este posible cambio anunciarase os días previos á actuación.

1 de xuño de 2017 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.