Cores Tourís visita o expositor de Ecovidrio en Pontevedra no Día Mundial do Medio Ambiente

Cores Tourís na visita ao expositor de Ecovidrio
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o expositor que Ecovidrio instalou na cidade do Lérez co galo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente.
No acto estivo acompañado do xerente de Ecovidrio para Galicia e Asturias. Ademais de informar aos pontevedreses sobre a importancia do reciclaxe de vidro, tamén se colocaron dous iglús vinilados na praza de Ourense con dúas monitoras ambientais que regalaron unha planta culinaria (menta, romero ou perexil) aos que se animaron a depositar o seu vidro nestes iglús.
A cidade de Pontevedra, segundo os datos que manexa Ecovidrio, aínda ten moito que mellorar neste eido, xa que na mesma recolléronse 10,2 quilos por habitante en 2016 frente a media galega de 15,3 quilos por habitante.
Neste senso, o delegado territorial fixo un chamamento á cidadanía da vila do Lérez para reciclar non só vidro, senón tamén papel e plástico.
En relación ao vidro, Cores Tourís recordou o esforzo que está a realizar o conxunto da sociedade pontevedresa no eido do reciclaxe de vidro, e destacou que os concellos da provincia depositaron 13.774 toneladas de vidro nos contedores verdes, o que significa unha media de 14,6 kg/hab. A nivel galego, foron 41.253 as toneladas de residuos de envases de vidro recicladas a través do depósito nos iglús verdes ao longo de 2016, o que supón un incremento dun 3,5% con respecto ao ano 2015.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra e o xerente de zona de Ecoembes coincidiron en que unha das razóns do mantemento na provincia de Pontevedra do volume de reciclaxe débese á concienciación cidadá sobre os beneficios que reporta ao medio ambiente e ao feito de reciclar este tipo de residuos, dándolles unha segunda vida.
Cómpre lembrar que na actualidade, todos os concellos de Galicia están adheridos ao Convenio marco asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Ecovidrio no ano 2013.
“Conclúese que a provincia de Pontevedra, ao igual que o resto de provincias galegas, teñen mellorado os seus datos relativos á recollida deste tipo de residuos, comparados coas cifras rexistradas en 2015, cando foron 13,5 os millóns de quilos de vidro recollidos”, explicou Cores Tourís, quen engadiu que “estas cifras nos indican que Galicia avanza na boa senda para cumprir o reto de reciclar un 60% do vidro en 2020, pois na actualidade a valorización deste material sitúase no 54%”.
Cómpre destacar que a reciclaxe de vidro aumentou en sete puntos no período 2011-2015, pasando do 47% ao 54%, o que a sitúa como a fracción de residuos que máis medrou nestes anos, en comparación co resto de fraccións de recollida selectiva.
Outro aspecto importante a destacar é a calidade da recollida selectiva, que presenta uns bos resultados. Esta fracción presenta baixos niveis de porcentaxe de impropios, os cales, desde 2011, mantivéronse estables ao redor do 5,75 – 5,82%. Esta é a segunda fracción coa porcentaxe de impropios máis baixa, só superada polos resultados acadados pola fracción de papel-cartón (1,82%).
Segundo recordou Cores Tourís, a reciclaxe de vidro é un elemento clave na loita polo cambio climático. Grazas ao vidro depositado nos colectores verdes, os galegos lograron:
– Minimizar a emisión de 27.000 toneladas de CO2, o que equivale a retirar 6.700 coches da estrada durante un ano.
– Evitar a extracción de 49.500 toneladas de materias primas, o que representa cinco veces o peso da torre Eiffel.
– Aforro de 91.600 MWh de enerxía.
Estes resultados son unha gran noticia para a sociedade galega, que consolida un hábito sustentable e responsable e, por encima de todo, para o medio ambiente e a loita contra o cambio climático. As cifras demostran a eficacia do modelo colector e a súa vixencia e potencial tras case 20 anos de vida na comunidade.











