Comezan os congresos do ‘Atlas Linguarum Europae’ e do ‘Atlas Linguistique Roman’ en Santiago

Valentín García na inauguración dun dos encontros

Valentín García na inauguración dun dos encontros

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou hoxe á mañá na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) dous congresos internacionais de xeografía lingüística: O 50 Congreso do Atlas Linguarum Europae (ALE) e o XXII Congreso do Atlas Linguistique Roman (ALiR).

Valentín García deulles a benvida a Galicia a todos os asistentes e lembrou que a lingüística galega comezou a andar “da man dos estudos históricos e dialectolóxicos que, xunto coa nosa vizosa lírica medieval, atraeron a atención de propios e estraños sobre o noso idioma. A partir de aí, a cantidade, variedade e calidade da investigación sobre a lingua galega non fixo máis que medrar recuperando rapidamente o desfase que tiña a mediados do pasado século”. O secretario xeral sinalou, como proba da súa afirmación, “a existencia do Centro Ramón Piñeiro e do Instituto da Lingua Galega (ILG), a súa participación en proxectos de relevancia internacional como o Atlas Linguarum Europae e o Atlas Linguistique Roman e mais a propia organización deste congreso en Santiago”.

A canda García Gómez, participaron na mesa inaugural Juan Viaño, reitor da USC; María José López Couso, decana da Facultade de Filoloxía da universidade compostelá; Nicolae Saramandu, director do ALE; Michel Contini, director do ALiR e Manuel González, presidente dos comités organizadores.

Dous congresos e tres xornadas de traballo

O profesor, académico da lingua e director científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) Manuel González foi o encargado de ditar a conferencia inaugural de ambos os congresos, “Dialectoloxía e xeolingüística en Galicia”. A continuación deron comezo os traballos do ALE, que se prolongarán durante toda a xornada de hoxe e tamén durante a mañá do día 21 na Facultade de Filoloxía da USC e mais no CRPIH. A tarde do 21 e a xornada do 22 desenvolveranse na Facultade de Filoloxía compostelá e estarán dedicadas ao proxecto do ALiR, co fin de rematar a preparación dun novo volume deste atlas románico.

O congreso do Atlas Linguarum Europae conta na súa organización coa colaboración do CRPIH, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; coa do ILG da USC e da Academia Română, Institutul de Lingvistică “Iorgu Riordan – Al. Rosetti”. As dúas primeiras institucións coorganizan, xunto co Comité de direction de l’ Atlas Linguistique Roman, o XXII Congreso do ALiR. As organizacións de ambos os encontros de investigación consideraron operativo facelos coincidir porque case a totalidade do Comité Románico do ALE forma parte do equipo investigador do ALiR.

Atlas Linguarum Europae e Atlas Linguistique Roman

O Atlas Linguarum Europae botou a andar en 1970 co apoio da UNESCO e representa o proxecto investigador de maior alcance no dominio da lingüística en marcha neste momento. Ocúpase de 6 familias de linguas -altaica, vasca, indoeuropea, caucásica, semítica e urálica- divididas en 22 grupos lingüísticos (como o románico, o xermánico ou o céltico) e estes, á súa vez, en 90 linguas e dialectos. Hai publicados seis volumes do ALE e outros dous están en preparación. Todos se centran no léxico, aínda que deles se poden extraer tamén informacións fonéticas e morfolóxicas.

O Atlas Linguistique Roman botou a andar en 1987 a iniciativa do Centre de Dialectologie de Grenoble e ata o momento leva publicados dous volumes. O obxectivo do proxecto é crear un atlas interpretativo que abranga todas as variedades dialectais da Europa románica (a investigación recolle 1037 puntos xeográficos) baixo diferentes aspectos: lexical, fonético, fonolóxico e morfosintáctico.

20 de xuño de 2017 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.