A Xunta promove unha xornada formativa para persoal dos servizos sociais sobre a factura eléctrica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado Puente, e a xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, María Jesús Muñoz, foron os encargados esta mañá de inaugurar unha xornada impulsada pola Xunta co obxectivo de mellorar a formación do persoal dos servizos sociais ao tempo que se lles proporcionan todos os instrumentos necesarios para desenvolver a súa labor cun colectivo en situación de especial vulnerabilidade como son as persoas en risco de exclusión social. A actividade, contou coa asistencia de preto dun centenar de profesionais e se desenvolveu na Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

A Xunta de Galicia impulsa esta xornada co fin de mellorar as garantías de acceso ao subministro básico de enerxía de todos os galegos e galegas en risco de exclusión social. Nela se deron cita traballadores dos servizos sociais municipais, dos equipos de inclusión, dos servizos de saúde e mesmo de unidades de drogodependencias. Tamén de entidades sociais como Cáritas, Mestura, Cogami ou FAXPG, entre outras. Todos eles recibiron información sobre cuestións como o mercado libre e regulado, os descontos existentes ou o proxecto de real decreto que regulará a concesión de subvencións e descontos ás familias en risco de exclusión e co fin de evitar a pobreza enerxética.

Neste contexto, Arturo Parrado destacaba esta mañá a importancia de facilitar “a aqueles traballadores que están en contacto directo coas persoas que peor o están a pasar, todas as ferramentas e a información necesaria para que poidan serlles de utilidade e, na medida do posible, paliar os atrancos que están a padecer”. E, ao fío, o director xeral agradeceu a implicación de todos estes profesionais “porque eles son un piar fundamental nesta loita contra a exclusión social”.

Nos últimos dous anos a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e do IGCC está a promover a celebración de xornadas formativas dirixidas aos profesionais dos servizos sociais que traballan con este colectivo. Así traballadores e educadores sociais e mesmo persoal administrativo está a recibir formación sobre distintos aspectos relacionados co consumo como a contratación da telefonía móbil, os seguros, a compra no supermercado ou como o caso da xornada celebrada esta mañá, a factura eléctrica.

14 de xuño de 2017 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.