publicidade hoxe

A Xunta presenta o proxecto de ordenación para a Reserva de Caza dos Ancares para o período 2017-2022

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervantesLocal PortadaLugo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presidiu hoxe a reunión da xunta consultiva da Reserva Nacional de Caza dos Ancares, na que se deu a coñecer o proxecto de ordenación cinexética elaborado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para o período 2017-2022.

A xuntanza tamén serviu para dar conta das actuacións realizadas ao longo do ano pasado e as previstas para este exercicio, que suman un investimento de 56.300 euros por parte da Consellería, así como para revisar a actividade cinexética rexistrada na reserva.

A xunta consultiva da Reserva Nacional de Caza dos Ancares está presidida polo delegado territorial e integrada por representantes de distintos departamentos da administración autonómica, da Deputación e do Concello de Cervantes, así como dos propietarios dos montes -privados e comunais-, da Federación de Caza, de organizacións relacionadas coa defensa e conservación da natureza, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo.

O proxecto de ordenación cinexética da reserva para o próximo quinquenio establece a proposta de xestión para cada unha das especies cinexéticas en base ao estado actual das respectivas poboacións. Unha vez estudado este aspecto, decidiuse continuar outorgando permisos para a caza de rebezo, xabaril e perdiz roxa, coas restricións previstas tanto de cota anual como de modalidade ou pezas por permiso.

A poboación estimada de rebezos na reserva ascende a 416 animais; a de xabarís estímase en 216 e polo que respecta á perdiz roxa hai uns 47 bandos cunha media de 4,07 perdices por cada un.

Estudarase a posibilidade de levar a cabo de xeito puntual controis da poboación de lobos (caza por danos) para reducir a presión sobre as especies cinexéticas e sobre a cabana gandeira. Polo mesmo motivo e tamén de forma excepcional, o persoal da reserva poderá realizar controis selectivos de raposos. Todas as demais especies da reserva están vedadas.

Outras actuacións

A elaboración deste proxecto foi unha das iniciativas abordadas o pasado ano pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en relación con esta reserva de caza. Tamén se executaron traballos de recuperación da vexetación autóctona, rozáronse máis de 76 quilómetros de camiños e pistas, e desenvolveuse un proxecto para a posta en valor das albarizas como patrimonio etnográfico da zona. O conxunto destas accións suman un investimento de máis de 36.000 euros.

A maiores na reunión propúxose, como mellora da poboación de especies cinexéticas destacadas, a solta de exemplares de cabra montés e rebezo para reforzar as poboacións destas especies dentro da reserva, procedentes de cercados que ten a Xunta de Galicia no Parque Natural do Invernadoiro.

Ao longo do presente exercicio, a consellería continúa coas rozas, mecanizadas ou manuais, segundo as características do terreo, e desenvolvendo accións para a mellora da biodiversidade en xeral e en concreto para a mellora das especies cinexéticas, entre as que propón facer sementeiras de cereal para a alimentación de perdices. O orzamento previsto ascende a 19.360 euros.

A Reserva Nacional de Caza dos Ancares abarca 7.792 hectáreas do municipio de Cervantes, nas parroquias de Donís, Cereixedo, Noceda e Vilarello; deste total, 1.288 hectáreas forman parte dunha finca titularidade da Xunta.

15 de xuño de 2017 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.