A Xunta organiza campos de traballo nos municipios de Vilanova de Arousa e Cercedo-Cotobade
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, destacou hoxe que a campaña galega de verán dirixida á mocidade é a máis importante de toda España cunha oferta superior ás 9.500 prazas en campos de traballo, campamentos, albergues e actividades para xente nova con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Así o afirmou durante a firma dos convenios de colaboración cos concellos de Vilanova de Arousa e Cercedo-Cotobade que permitirán o desenvolvemento de dous campos de traballo nestes municipios pontevedreses. O acto, que tivo lugar nas dependencias da delegación territorial, tamén contou coa participación da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e do delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís.
Rey Varela explicou que 40 persoas (20 en cada un dos campos) daranse cita nestas dúas convivencias abertas á participación de mocidade procedente de países estranxeiros. En canto á temática dos mesmos, o de Cercedo-Cotabade estará centrado no ámbito audiovisual e social, mentres que o de Vilanova de Arousa abordará cuestións ambientais e relacionadas co medio mariño.
Así, a experiencia que terá lugar no municipio de Cercedo-Cotobade reunirá baixo o título “Un rural de cine” a 20 rapaces e rapazas que realizarán unha curtametraxe sobre o valor social e cultural do rural galego, involucrando ás persoas voluntarias na posta en marcha do proxecto. O obxectivo que se procura con esta actividade é poñer en valor o contorno rural e dalo a coñecer entre a mocidade que veña de fóra.
Ademais, os participantes colaborarán activamente coas persoas e cos oficios e coas persoas do lugar e implicaranse en labores ambientais de recuperación do patrimonio cultural e social. Así mesmo, durante o tempo que dure o campo de traballo realizaranse actividades complementarias como ruta en kaiak de mar, tiro con arco, rutas en paddle surf, edición de imaxe e son, obradoiros de retoque fotográfico, visita á Illa de Arousa e saídas culturais.
O campo de traballo de Vilanova de Arousa terá como actividade principal a limpeza da senda da costa do Terrón-Patiñas, de gran valor ecolóxico e turístico que transcorre pola zona norte deste municipio. Os participantes tamén realizarán tarefas de recuperación da arquitectura mariñeira da zona do Illote da Insuíña, coa limpeza e destape da pedra do país da construción e limpeza tanto do espazo anexo como dos camiños.
A experiencia complétase cunha serie de actividades deportivas náuticas e de contacto coa natureza (snorkel, bodyboard e paddle surf, slackline e sendeirismo), así como con visitas e excusións ao Museo da Salgadura do Grove, ao miradoiro do Siradella e o complexo intermareal Umia-O Grove-Ons, e á lonxa e ao porto persqueiro da localidade.
O titular de Política Social valorou estes campos de traballo como “unha excelente ferramenta de educación non formal para a xente nova, xa que engloba experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade”, e que ademais “axudan a dinamizar a vida xuvenil nos concellos galegos onde teñen lugar”, engadiu. E, ao fío, lembrou que a oferta estival na provincia de Pontevedra complétase coas 120 prazas dos campos de traballo emprazados nas Illas Cíes.
Nesta liña, Rey Varela destacou o carácter voluntario, altruísta e solidario das actividades que se desenvolven nestes campos, o que permite aos participantes “poñer o seu grao de area para mellorar a nosa sociedade”. Tamén subliñou deste programa de verán que “promove valores como o traballo en equipo, a convivencia e o respecto, así como a implicación da xuventude na sociedade ao afondar en materias que do seu interese e abrirlles novos camiños para a súa realización persoal”.
Campaña de verán 2017
Este verán, os mozos e mozas galegos poderán escoller entre participar nos 28 campos de traballo que se organizan nas catro provincias galegas ou ben elixir entre as prazas que se ofertan en campos no estranxeiro e noutras Comunidades Autónomas.
Esta actividade enmárcase dentro da Campaña de Verán 2017 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado baixo a lenda “O teu verán colle nunha mochila”. Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas. En total, son 9.572 as prazas que se ofrecen, o que significa incrementar nun 6% as prazas dispoñibles no ano pasado.
Ademais destes campos, a campaña de verán inclúe albergues, campamentos e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. A Consellería de Política Social destina un orzamento de 2,9 millóns de euros a esta campaña.
Cómpre destacar que, outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores/as e directores/as de campamentos.
Estes números consolidan a Galicia como a Comunidade Autónoma que máis prazas en campamentos de verán oferta para a mocidade. Deste xeito, “estamos a blindar a posibilidade de que a xuventude empregue o seu tempo libre nos meses de xullo e agosto participando en actividades de educación non formal de moi diversa índole: cultural, medioambiental, deportivo, de voluntariado, etc., que lles servirán para divertirse e tamén para o seu enriquecemento persoal e vital”, concluíu Rey Varela.