publicidade hoxe

A Xunta investirá medio millón de euros en obras de mellora no Centro de Formación Ocupacional de Montirón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá máis de medio millón de euros en distintas obras de mellora e novos equipamentos segundo a programación de actuacións previstas e aprobadas para este ano no Centro de Formación Ocupacional de Lugo, emprazado en Montirón.

Así o avanzou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, no transcurso dunha visita ás instalacións, onde puido saudar ao alumnado e profesorado dos cursos que alí se imparten e ao cadro de persoal do centro.

As principais actuacións consistirán na renovación da cuberta e substitución de carpinterías, e na subministración de equipamentos para os distintos obradoiros, en particular, un láser escáner e sete novas máquinas de soldadura.

Cursos de formación

Ao longo deste ano as instalacións do centro acolleron seis cursos, especialmente dirixidos a persoas en situación de desemprego, ás que se lles ofrece unha oportunidade de adquirir novas habilidades profesionais máis axustadas ás circunstancias actuais do mercado de traballo.

Así por exemplo, os máis recentes foron sobre Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, e Mantemento do motor e os seus sistemas auxiliares. E tamén se impartiron cursos formativos para Operacións de fontanaría e calefacción- climatización doméstica, Xestión contable e xestión administrativa para auditoría e Sistemas microinformáticos

En cada curso poden participar ata 15 persoas desempregadas, que son seleccionadas a través das oficinas de emprego de entre os candidatos da provincia de Lugo.

Lanzadeira de emprego e asesoramento

Balseiro tamén puxo en valor que este mesmo centro dispón dunha aula dedicada á Lanzadeira de Emprego. Só durante a fase de asesoramento participaron 195 candidatos. Ademais as instalacións de Montirón constitúense como sede para o procedemento de recoñecemento da experiencia profesional nas cualificacións de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio, Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e Tanatopraxia.

Tres centros propios na provincia

Na provincia de Lugo, xunto co Centro de Formación Ocupacional de Lugo, a consellería dispón de centros propios en Viveiro e Monforte, na zona norte e sur lucense. Ademais da programación dos centros propios, a Xunta apoiou no 2016 cursos en concellos e entidades de formación que supuxeron un investimento de 6 millóns de euros e beneficiaron a 1.440 persoas en toda a provincia.

22 de xuño de 2017 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.