publicidade hoxe

A Xunta iniciará o vindeiro ano a mellora da estrada AC-934, entre o límite da provincia de Lugo e As Corredoiras, cun investimento de 1,8 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaSobrado
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, presentoulle hoxe á alcaldesa de Sobrado dos Monxes, María Jesús García , as obras de mellora na estrada entre o límite da provincia de Lugo ata As Corredoiras (AC-934), que hoxe comezan a información pública coa fin de inicialas o vindeiro ano, cun investimento próximo aos 1,8 millóns de euros.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe este novo paso polo que se somete a información pública este proxecto para que todas as persoas que o desexen poderán facer chegar as súas consideracións. Haberá para iso, un período de 30 días hábiles, contados a partir de mañá, ata o próximo 27 de xullo, para presentar as observacións que se consideren convenientes.

Vázquez Mourelle sinalou que ao longo deste ano se avanzará na adquisición de terreos coa fórmula máis áxil posible.

Este proxecto levarase a cabo nun treito de 4,5 km que transcorre íntegro polo termo municipal de Sobrado, entre o límite de provincia e o cruce das Abeleiras. As actuacións consisten en dotar a estrada dun ancho maior, rehabilitar o firme e rectificar as curvas de radio máis reducido para reforzar a seguridade viaria.

Tamén se mellorarán as interseccións, coa disposición de semiglorietas e a creación de pequenos carrís de aceleración que faciliten os xiros e as incorporacións e saídas en condicións máis seguras. Ademais, posto que un treito transcorre paralelo ao Camiño de Santiago, proxéctase unha senda peonil de 3 km.

Esta intervención é complementaria á que xa se levou a cabo na estrada que continúa desde o límite da provincia cara a Friol, a LU-934 e permitirá seguir avanzando na mellora do eixo interior Friol-límite de provincia-Sobrado.

A responsable de Infraestruturas subliña que esta actuación amosa a aposta que desde o Goberno galego se está a facer pola vertebración do interior de Galicia e por garantir a calidade e a seguridade nas estradas de titularidade autonómica, ofrecendo máis comodidade a veciños e usuarios nos seus desprazamentos.

O Goberno galego iniciará en poucas semanas outra actuación nesta mesma estrada, na AC-934, que consistirá na reparación puntual do firme no treito entre Os Cotos e a entrada na travesía de Sobrado á que se destinarán máis de 30.000 euros. Estes traballos completarán a rehabilitación do firme xa realizada no outono pasado na travesía de Sobrado.

14 de xuño de 2017 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.