publicidade hoxe

A Xunta informa á plataforma “Salvemos O Castro” e ao Concello de Moaña sobre a modificación do trazado da autovía do Morrazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMoañaPontevedra
A-
A+
Técnicos da Consellería de Infraestruturas explicando os detalles

Técnicos da Consellería de Infraestruturas explicando os detalles

Técnicos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, xunto coa directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, mantiveron hoxe un encontro de traballo con representantes do Concello de Moaña e da plataforma dixital Salvemos O Castro para abordar as actuacións que levará a cabo a Xunta para preservar este ben patrimonial, no marco das obras da autovía do Morrazo.

A Xunta e os Concellos de Cangas, Moaña e Bueu acordaron o pasado venres variar o trazado da autovía do Morrazo para protexer este castro. Neste sentido, os técnicos da Consellería de Infraestruturas explicaron hoxe que para iso, levouse a cabo un estudo que determinou que a ampliación do túnel actual, en lugar de construír un segundo, é tecnicamente viable.

Neste estudo determinouse a viabilidade de ampliar o túnel actual para proceder a duplicar a estrada, tendo en conta que a existencia de 2 carrís en cada sentido é irrenunciable para garantir a seguridade viaria e a funcionalidade da infraestrutura.

Esta actuación, dadas as súas grandes dimensións e o seu procedemento construtivo, será unha obra cunhas características singulares, unha infraestrutura de referencia da que non se coñecen equivalencias en España.

A ampliación do túnel de Montealegre existente executarase segundo este esquema: incremento de 4,3 metros cara a marxe dereita desta infraestrutura e 2,1 metros cara a marxe esquerda.

Os técnicos tamén indicaron no encontro de hoxe que o Goberno galego realizou unha ambiciosa campaña de escavación arqueolóxica, en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, uns traballos cun investimento de máis dun millón de euros, que están a permitir un labor de documentación do xacemento de enorme valor histórico e cultural e a posta á disposición da cidadanía desde ben patrimonial.

12 de xuño de 2017 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.