A Xunta destinará 150.000 euros á recuperación do espazo público do Campo da Feira de San Amaro
A Xunta de Galicia achegará un total de 150.000 euros á recuperación do espazo público do Campo da Feira, no concello de San Amaro, para o uso dos veciños como un lugar de encontro e convivencia. Trátase dunha actuación enmarcada no Plan hUrbe que se levará a cabo mediante un convenio de colaboración que referendaron a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o rexedor local, Ernesto Pérez.
Esta intervención está incluída no Plan hUrbe, que ten, entre as súas finalidades, mellorar e promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais, polo que a actuación ratificada esta mañá encadra completamente neste obxectivo.
Así, os traballos previstos realizarase no espazo coñecido como Campo da Feira, cunha extensión de 3.505 metros cadrados de solo público, destinado ao encontro e convivencia dos veciños. Ademais, a cantidade de hórreos que hai nesa zona a converten nun lugar de interese xeral e de especial coidado e protección, polo que ten xustificado o seu carácter excepcional de interese público e, polo tanto, o sometemento ao procedemento de concesión directa.
Deste xeito, a actuación permitirá mellorar o firme e incrementar as condicións de seguridade tanto para os peóns como para os condutores, ademais da recuperación das zonas verdes e lugares de lecer e esparexemento mediante o acondicionamento do merendeiro e a limpeza da maleza. Tamén se renovará o alumeado público e farase a ampliación da cuberta do actual local-almacén.
En definitiva, a mellora do entorno contribuirá á conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico da zona caracterizado pola cantidade de hórreos que se concentran nese punto.
Seguridade e humanización dos espazos comúns
Cómpre destacar que con esta actuación, que subvenciona ao 100% a Xunta de Galicia, preténdese o incremento das condicións de seguridade nos itinerarios de acceso tanto para peóns como para automobilistas, así como a recuperación e o acondicionamento de espazos pensados para favorecer as relacións entre a veciñanza. Así, renovarase o mobiliario urbano que, ademais de contribuír á valorización e á humanización do espazo público, garante a comodidade dos veciños.
Por todo isto, a Consellería de Medio Ambiente considera necesarias estas obras por canto redundarán na mellora da calidade de vida da poboación, a través da creación de espazos seguros, accesibles e habilitados para a prestación dos servizos públicos municipais.
Cómpre lembrar que este convenio de colaboración permitirá ao Concello de San Amaro iniciar o proceso de licitación da obra para comezar os traballos o antes posible. Ademais, con esta actuación, sería o cuarto proxecto que a Consellería de Medio Ambiente leva a cabo no Concello de San Amaro, xa que en 2010 procedeuse ao acondicionamento de espazos públicos no núcleo de Andrade e Alemparte, por un importe de 151.254,88 euros. O ano seguinte, en 2011, melloráronse as zonas comúns no Cruceiro para o que se destinaron 98.385,71 euros e, en 2013, adecuouse o espazo público do Castro cun orzamento que ascendía a 94.882,46 euros.
Cooperación cos concellos
Un dos obxectivos da Xunta de Galicia é promover a execución de equipamentos urbanos municipais, co fin de dotar aos concellos dunha adecuada oferta de actividades de ocio, recreativas, culturais e de lecer, con obxecto de mellorar a calidade vida dos seus cidadáns e do público en xeral.
Polo tanto, o Plan hUrbe cumpre cun dos obxectivos prioritarios do Goberno galego que é a colaboración e cooperación entre a administración autonómica e os concellos, como é este o caso. Do mesmo xeito, trátase de avanzar conxuntamente cara a un urbanismo responsable, sustentable e participativo.
Esta actuación vén a poñer de manifesto os esforzos do Goberno galego por mellorar as vilas galegas; xa que no presente exercicio executaranse 15 actuacións en senllos concellos, o que se traduce nun orzamento de case tres millóns de euros.
Máis dun cento de actuacións
Dende a súa posta en marcha, no ano 2010, o investimento no conxunto de Galicia elévase a 123 millóns de euros para facer realidade 157 actuacións.
Cómpre recordar que este plan ten un triplo obxectivo, fomentar a humanización das vilas de Galicia, favorecer a cooperación da Administración autonómica e os concellos e promover o reequilibrio territorial na nosa Comunidade, coa recuperación de espazos públicos.