A Xunta destina 1,8 millóns de euros a 148 proxectos de comunidades de montes e Sofor ourensás para a prevención dos lumes forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Consellería do Medio Rural vén de conceder este ano na provincia de Ourense un total de 1,8 millóns de euros en axudas para a prevención dos danos causados nos montes por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). Estas axudas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

A achega concedida na provincia destinarase a 148 proxectos presentados polas comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) de 11 comarcas. Esta orde de axudas engloba dúas liñas de subvención. Por unha parte, financia o control selectivo do combustible en áreas cortalumes, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural e a roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais. A segunda liña de subvención financia a construción de puntos de auga, que deberán localizarse en zonas estratéxicas para a defensa dos núcleos de poboación e das masas forestais.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou este mediodía os traballos realizados pola agrupación formada polas comunidades de montes de Nocelo da Pena, no concello de Sarreaus, e a das Mercedes, en Cualedro, pertencente á comarca da Limia. Na visita estivo acompañada polo xefe territorial de Medio Rural, Yago Borrajo Sánchez.

Este colectivo é o máis beneficiado pola Orde de axudas deste ano e recibiu 34.000 euros para traballos de roza e cortalumes. Na pasada convocatoria, esta agrupación construíu un punto de auga, rozou 27 ha. en rexenerado forestal e case 7 ha. de áreas de cortalumes con cargo a estas axudas, por un importe de máis de 18.300 euros.

Distribución das axudas por comarcas

Díaz Mouteira explicou que a comarca da Limia, onde están localizados os montes xestionados por esta agrupación e que pertencen aos Distritos XIV e XV, é a cuarta máis beneficiada da provincia. Nela aprobáronse 15 proxectos por un importe de máis de 175.600 euros. Así, a delegada territorial explicou que, por comarcas, a de Viana é a que recibiu máis axudas, seguida pola de Verín e A Baixa Limia.

A delegada territorial aproveitou esta visita para facer un chamamento á cidadanía para que se extremen as precaucións durante estes días de cara a evitar lumes accidentais e recordou que antes do 30 de xuño, os propietarios, arrendatarios, usufrutuarios ou titulares dos terreos deberán xestionar a vexetación preta ás vivendas.

Ademais, a máxima representante do Goberno galego en Ourense apelou á responsabilidade dos cidadáns para que denuncien calquera actividade delituosa incendiaria da que teñan coñecemento e lembrou a existencia do teléfono de aviso 085, operativo durante as 24 horas do día.

Neste sentido, Díaz Mouteira incidiu na necesidade dunha maior concienciación na sociedade dos perigos do lume e da colaboración cidadá para atallar con celeridade as consecuencias da lacra do lume. “Entre todos temos que ser quen de loitar e traballar conxuntamente para vencer as dificultades na loita contra os incendios”, asegurou.

22 de xuño de 2017 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.